venres, 16 de xaneiro de 2015

A miña patria é galega ou non é

Moitos anos debatendo na Galiza, cal é a contradición principal, e resulta que, a dinámica política actual esixe darlle unha volta a esta cuestión e non tanto porque no panorama electoral e social teñamos hoxe organizacións disputando o campo nacionalista e de esquerdas, senón porque alén delas, hai mais organizacións e persoas que contan con diferentes perspectivas e análises que non deberían ser esquecidas, mais aló da conveniencia dos acercamentos tácticos ou estratéxicos, no que están uns e outros. Son tempos necesarios para o Debate, si con maiúsculas, tan alonxado do purismo como da incompetencia real para facelle fronte a situación creada. 

A posición teórica, aínda que moitos/as o descoñezan, resolve o problema sinxelamente, co confronto do par en contradición, nacionalismo-españolismo; pero unha vez máis  a rolda do tempo, sobre de todo, cando a práctica política foi esixindo concreción entre outras para gobernar, fixemos un revolto co termo  clase por necesidade táctica,  vinculada á necesidade de conxuntar nacionalismo con esquerda xa que o concepto, clases populares, disque non fora quen de atopar a converxencia desexada por quenes construiron o discurso orientador para as encrucilladas que o nacionalismo galego veu tendo diante de si. Aínda hoxe, estamos así, mellor dito, repousando no confusionismo, cando para resolver este debate, algúns/as foron quen de concluír que as dúas podían coexistir nunha formulación expresada  na nova dicotomía, contradición principal e fundamental, seguramente por atopar un encontro de mínimos entre as diferentes tendencias  que xa precisaban de clarificación sobre do asunto, é así ata hoxe. 
A realidade dos feitos impón unha análise máis acaída. O asunto, obriga a  revisar  as bases dun ideario que termou de contradicións,  as construcións teóricas foron quen de manter unha  certa aparencia  de conexión co “rigor mortis” dun marxismo escolástico. Logo na praxes foise resolvendo ou xustificando.
Chegar a un punto de encontro EEUU e Cuba tentando resolver un conflicto de moitos anos e falando desde as suas diferencias, é unha boa nova.
A revolución cubana antes que socialista foi nacionalista e así  é cantada na consigna, Patria ou morte ¡ Venceremos !”. Si algo ten a constititución dos EEUU e que sua patria está por enrriba de calquer outra consideración.
Revisemos pois o  concepto de clases populares e nada mellor que reler a Gramsci cando di, falando das clases subalternas, que o problema está en comprender como pode o proletariado ou en xeral unha clase dominada, subalterna, ser clase dirixente e exercitar o poder político,  converténdose nunha clase hexemónica.
Prosegue, as clases subalternas, non están unificadas e a súa unificación dáse só, cando “se converten en Estado”, cando chegan a dirixir ao Estado doutra forma, desenvolven unha función descontinua e disgregada na historia da sociedade civil dos estados. A súa tendencia á  unificación “ é rachada continuamente pola iniciativa dos grupos dominantes”, dos cales, elas, “sofren sempre a iniciativa, aínda cando pasen a rebelión”.
A proba do “Estatut catalá” e todos os acontecementos que viñeron logo, debera despexar incertezas teóricas creadas tanto por autonomistas confesados como  por quen propuxo avanzar pola  vía estatutaria ata a soberanía nacional, sen máis. A realidade e que a consulta catalana é unha evidencia de irrealidade para quenes aspiren a unha Patria Galega pola via da actual Constitución Española. Non sei que fará o nacionalismo vasco ( logo da via fracasada tamén no Plan Ibarretxe ), pero supoño que terán que mover ficha.
Miro para os demais e trato de analizar os acontecementos hoxe e agora. Preguntome e pregunto deixamos facer os demais povos e quedamos como observadores da dialectica ou facemos o noso Plan. Sería un erro historico quedar  outra vez, fora de xogo e enxugados polo españolismo que tanto se viste de federalista como de re-centralizador. Sen saber, cal vai ser o resultado final desta  mal chamada crise institucional do Estado Español, sei que o termo Nación-Patria para españolistas e nacionalistas, non ten nada de común. 
Pouco a pouco as dúbidas iran despexándose; o nacionalismo ou é emancipador ou non resolve, ningún dos problemas presentados. Coincido no reclamo de Castelao aos imperialistas fracasados, na liberdade de todas as Patrias pero sabendo como el dixo: que ninguén nos vai regalar nada nunha mesa, senón hai reclamo, resistencia, movemento e construción de poder desde o antagonismo.
A situación social é de moita gravidade e tamén é quen de agudizar a contradición esquerda-dereita, ainda que non quedarán moitas dubidas do papel de cada unha das organizacións, no confronto real. A conxunción distas dúas situacións, danos unha oportunidade  para a clarificación necesaria no debate reclamado. Os discursos terman de calquera situación, mais a dialéctica dos acontecementos decide as axendas e despexa dubidas teóricas. 
Igual que noutras partes do mundo, o futuro aínda non chegou, está por vir. Pois logo,  a contradicción principal na Galiza, debe ser entendida como unha transformación do “status quo” cun novo proceso constituinte que acredite que Galiza é a patria dos galegos e das galegas.
Para acadar este obxetivo non abonda con preguntarse ¿o que facer?, senón que tamén é importante o xeito de facelo é non enganar nin enganarse co campo de xogo onde imos ter que resolver este problema, primeiro no plano teorico e logo na realidade. 
É tempo para facer movementos cos que ir concretando a base dos apoios e unificación nun só proxecto nacionalista integrador das  necesidades e aspiracións das clases populares que para dar o seu apoio precisan da construcción  dun proxecto concreto de nación coas suas vertentes sociales, por iso a meu entender,  o chamado para a unificación nacionalista ten que ter ista base e ninguen que o defenda, pode quedar fora.
As dinámicas do proceso de confronto, irán definindo a contradición principal e a secundaria é nese contexto, decidiranse posibles alianzas tácticas  para a parte (electoral, de gobernos nas institucións e organismos) ou estratéxicas para o todo, no que, Galiza é unha nación, con todas as consecuencias xuridico-políticas que supón tal definición.

¡ Patria é vida !
Fermín Paz

Ningún comentario:

Publicar un comentario