martes, 13 de xaneiro de 2015

O convenio que Educación esgrime para prohibir actos políticos só afecta a pavillóns deportivos

O pasado venres a Consellería de Educación daba en prohibir os actos organizados pola Marea Atlántica nun instituto da Coruña, o IES de Elviña, apenas tres horas antes do seu comezo. O departamento que dirixe Jesús Vázquez xustificou este veto esgrimindo un convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para "prohibir o uso dos pavillóns dos centros educativos con fins políticos". "Entendemos que, se nun pavillón non se pode, menos aínda no interior dun centro", argumentábase dende a Consellería en declaracións a este diario. O texto do convenio, a cuxo contido tivo acceso Praza, amosa ás claras non só que afecta unicamente a instalacións deportivas, senón que ademais atinxe unicamente a actos organizados ou autorizados polos concellos.
Tal convenio foi asinado o pasado 16 de outubro polo conselleiro Jesús Vázquez e mais o presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey. O seu obxectivo é "articular as bases da colaboración" para que "as instalacións deportivas titularidade da Consellería", isto é, os pavillóns dos institutos, "poidan ser empregadas polos concellos galegos fóra do horario e actividades docentes para fins de carácter educativo, deportivo e cultural". Entre as "actividades non permitidas" que, "en consecuencia, exclúense do ámbito de aplicación deste convenio", di o texto, están as "promovidas por partidos políticos, sindicatos ou calquera outra asociación de obxecto distinto ao educativo, deportivo e cultural".
O convenio só regula as condicións en que os concellos poden utilizar as instalacións deportivas dos institutos
A orixe desta regulamentación, explican fontes da Fegamp consultadas por Praza, está no interese dos concellos por contar cunha normativa clara que lles permitise empregar estes recintos "para uso institucional" e a organización neles de eventos diversos, dende feiras a eventos culturais ou festas infantís, entre outros, sabendo ademais que administración asume os gastos derivados da súa apertura fóra do horario lectivo. Trátase, resumen as mesmas fontes, de deixar claro que actividades se poden realizar nestes recintos "baixo o paraugas dos concellos", de aí que se "exclúan" actos políticos, toda vez que a administración municipal non vai organizar actos de partido. Neste sentido, a primeira cláusula detalla que se permitirá "a realización de actividades" políticas, caso de mitins, "que sexan previamente autorizados polas correspondentes Xuntas Electorais".
Deste xeito, alén da consideración que a norma e a Marea lle poidan merecer a cadaquén, o veto imposto por Educación o pasado venres non pode estar amparado neste convenio por varias cuestións, a comezar polo feito de que os actos programados non se ían desenvolver nas instalacións deportivas do centro, senón nun salón de actos. Asemade, quen organizou ou autorizou o acto non era o Concello da Coruña nin ningún outro e o convenio regula exclusivamente a actividade destas institucións nos pavillóns. Do mesmo xeito, a Marea Atlántica non é máis ca unha plataforma cidadá e non ten, cando menos polo momento, a consideración legal de partido político.
A Marea Atlántica ve confirmado que a prohibición foi "unha decisión política que se tentou vestir xuridicamente"
Así as cousas, trataríase cando menos dun baleiro na regulamentación que non pode ser tapado cun convenio que, por outra banda, a Consellería non expón no Rexistro de Convenios da Xunta aínda que na páxina 11 do mesmo se comprometeu a facelo. Non en van, entre os días 15 e 17 de outubro de 2014 figuran no Rexistro cinco convenios dos que dous corresponden a Educación, pero ningún deles referido a esta materia.
Unha vez coñecido o texto concreto do convenio dende a Marea Atlántica ven confirmado que a prohibición foi "unha decisión política que se tentou vestir xuridicamente" aínda que a argumentación do Goberno galego colisione cun "principio xurídico básico", como é que "a sinatura dun convenio ou dun contrato só implica a quen o asina". "A Marea Atlántica non forma parte da Fegamp nin nada polo estilo", ironizan, toda vez que "o que regula" este texto "é a cesión aos concellos de espazos da Consellería", neste caso pavillóns deportivos. En calquera caso, abondan, "o que estabamos exercendo é un dereito fundamental" o de "reunión e participación política" e, "cando nunha norma existen dúbidas", débese "optar pola opción máis favorable aos dereitos fundamentais".

Ningún comentario:

Publicar un comentario