martes, 13 de xaneiro de 2015

"A política lingüística foi un fracaso, en Galicia hai inmersión en castelán"

"Poñan mans á obra, por favor". Así remata o chamamento que a asociación Prolingua vén de facer aos partidos políticos galegos na procura "acordo global" de todos eles e dun "consenso nacional" que "mude un rumbo catastrófico para o noso idioma". É tan só parte do rogo que desde a plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega se fixo a través dun chamado público a todas as forzas. Un S.O.S. de auxilio, de última chamada "para poñer fin a unha etapa nefasta, sen dúbida a peor na Historia recente do idioma".
Os últimos datos estatísticos sobre o uso da lingua propia facilitados polo IGE non deixan lugar a dúbidas. Tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos e o galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos. "Intentamos ser realistas, non catastrofistas, e a realidade é que os datos son dramáticos, sobre todo no que se refire aos mozos", reflexiona Francisco Fernández Rei, voceiro de Prolingua, que repara no feito de que "a maioría dos meniños que entran en Intantil ou Primaria falando galego saen falando castelán, pero non hai ningún caso ao revés".
Prolingua pide aos partidos que "recuperen o consenso" para mudar o "catastrófico rumbo do noso idioma"
Por todo isto, Prolingua fai "un chamamento ás forzas políticas galegas, tanto as que contan con presenza institucional coma as que aspiran a acadala nos próximos comicios" e piden que os partidos, e xa que logo a clase política, "recupere o consenso na dobre dirección de fortalecer os dereitos das persoas galegofalantes e garantir o dereito das castelanfalantes a aprenderen e valoraren o idioma propio de Galicia".
"Está nas nosas mans, nas das persoas que falan galego habitualmente e nas das que o fan en castelán, pero que comparten un obxectivo común: nin queren nin están dispostas a permitir que o idioma galego siga nun devalo que nos borraría do mundo como pobo diferenciado", di o comunicado.
"O que ocorre en Galicia é unha auténtica inmersión en castelán e é algo que pasa desde hai anos, pero a política que levou a cabo o PP nos últimos cinco anos foi dunha deconstrución total dos avances legais. Non se pode dicir que isto é culpa das familias", insiste Fernández Rei, que di que lle dá "a risa" cando escoita a algún conselleiro pedir que non empregue a lingua como arma política. "Se alguén a empregou foi o propio PP, que falou dunha falsa imposición do galego e usou o idioma como arma", recorda.
Queren menos palabras e máis feitos, e aínda que non avogan en entrar "polo miúdo no que se leva destruído en tan pouco tempo" ven evidente que "calquera persoa, calquera familia que intente desenvolver a súa vida en galego pode achegar detalles" sobre a situación.
"Os resultados desa suma de agresións sociais, pedagóxicas, culturais etc. son públicos e causan escándalo"
"Os resultados desa suma de agresións sociais, pedagóxicas, culturais etc. son públicos e causan escándalo polo que expresan en si e polo cinismo con que boa parte das administracións, especialmente a autonómica, ollan para outro lado. Mentres afogan a lingua e a cultura cunha man visten a outra con luva branca, presiden cerimonias e invocan quen sabe que tipo perverso de galeguidade", di Prolingua, que insiste en "chamar por un acordo global das forzas políticas", pero tras aclarar que "xa non hai tempo para declaracións baleiras".
"A mellor forma de basear firmemente unha futura converxencia acerca do destino da lingua é situala nos programas ao nivel que a súa importancia merece; un nivel que asegure a súa transmisión e continuidade, que fomente as actitudes positivas e garanta o seu uso real en calquera situación", asegura o texto, porque xa "abonda de decorado folclórico e de rituais grandilocuentes: cómpre concreción, asunción de compromisos ante a cidadanía e mecanismos para que o recollido no programa vaia máis alá do ámbito do virtual".
"Xa non hai tempo para declaracións baleiras", di o colectivo, que critica o "cinismo" das administracións que "afogan a lingua"
Prolingua pide ás formacións políticas que se poñan "mans á obra". "Por favor". "Que debatan e expliquen con claridade cal é a súa proposta para un consenso nacional sobre o idioma e cales as medidas que urxe tomar", rematan, porque aínda que "quizais non sexa dabondo para lle asegurar un futuro de vida á lingua propia de Galicia, parece claro que sen el non haberá futuro ningún".
Fernández Rei é contundente e recorda que "a política lingüística levada a cabo até agora foi un fracaso". "Os partidos teñen que sentarse, pero de maneira seria e sen grandilocuencias, para chegar uns acordos mínimos que nos libren deste abismo ao que parece condenado o idioma... E isto non é facer catastrofismo porque é a realidade", di. Preguntado por se ve posible ese acordo -ou cando menos o intento-, o voceiro da plataforma non se resigna. "Igual é Prolingua a que os ten que xuntar ou pode xuntar; somos inequivocamente apartidarios e se cadra podemos serivir de nexo e unión entre as diferentes forzas para que falen e fagan algo dunha vez. Está claro que todos os partidos puideron cometer erros, pero quen está no poder é o PP e é a quen máis responsabilidades lle temos que pedir", sentencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario