Os fondos para o fomento do galego nos centros públicos queda en 300.000 euros, medio millón menos que hai catro anosA orde do 30 de decembro de 2014 publicada o pasado venres no DOG pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego para este curso non deixa lugar a dúbidas. Así, as axudas destinadas aos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros públicos quedan de novo nos 300.000 euros, a mesma cantidade que nos dous cursos anteriores, 50.000 euros máis que no 2011-12 e medio millón menos que hai catro anos.
Desde aquel curso 2010-11, e en comparación co actual, os fondos destinados ao fomento do galego na escola descenderon nun 62,5%, polo que máis de seis de cada dez euros foron suprimidos. E isto, xusto cando as estatísticas insisten na precaria situación da lingua entre os máis novos e na continua e dramática perda de falantes entre os menores de quince anos.
Os fondos destinados nos catro últimos cursos é inferior ao total dos dous cursos anterioresXa que logo, os fondos destinados á promoción do galego nos centros públicos de Galicia nos catro últimos cursos quedou en pouco máis de 1,4 millóns de euros, menos cantidade da que se dedicara en tan só dous cursos, desde o 2009 e ata o 2011. A situación non é moito mellor nos centros de ensino privado, aínda que o descenso é menor -dun 55,4%- desde o curso 2010-11 e a pesar de que houbo un lixeiro aumento da partida a partir de 2012. Aínda así, os 78.000 euros que se destinaban aos equipos de normalización destes centros hai cinco anos quedaron agora en 22.600, bastante menos da terceira parte.
CIG-Ensino reparou nos datos e destaca que a Xunta insiste neste recorte “xusto no mesmo curso escolar en que os datos do IGE sinalan a perda de falantes, poñendo o acento nas xeracións máis novas sobre as que se conclúe que nas súas tres cuartas partes nunca falan en galego”. Ademais, reclama de novo que a convocatoria de axudas se realice no inicio do curso, algo no que a Consellería non recúa, o que fai "inviable" que algunha actividade normalizadora se poida realizar no primeiro trimestre.
Esta queixa é compartida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), que vai moito máis aló. "Non é só a cuestión económica; os cartos son a punta do iceberg, a consecuencia dunha estratexia planificada para a anulación do traballo dos equipos de normalización", di Miguel Louzao, voceiro do colectivo, que censura o "desleixo total e continuado" que a Xunta ten sobre a situación do galego no ensino.
"Os cartos só son a punto do iceberg, a consecuencia dunha estratexia para anular o traballo dos equipos de normalización""Dálles igual o que se faga e non lles preocupa nada; é un abandono xeralizado dos equipos de normalización e dos profesores que tanto esforzo e ilusión lle dedican", insiste, tras lembrar que "antes había unha coordinación e interese polo labor que se facía", pero que agora "nin tan sequera as convocatorias de axudas se fan en tempo e forma". "O seu obxectivo é adormecernos", denuncia a CGENDL, que destaca que "o desánimo vaise transmitindo". "Van limando e desmotivando a comunidade educativa; inflúen nos que están máis motivados, que non sofren máis que atrancos, pero tamén moito nos que xa non están tan comprometidos e aos que non se lles exixe nada", finaliza Louzao, que insiste na "estratexia calculada" da Consellería de Educación neste desleixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario