A plataforma realiza “un chamamento ás forzas políticas galegas, tanto as que contan con presenza institucional coma as que aspiran a acadala nos próximos comicios, para poñer fin a unha etapa nefasta, sen dúbida a peor na Historia recente do idioma”
Prolingua, plataforma en defensa do galego, dirixiuse mediante unha nota pública a todas as formacións que se presentan ás próximas eleccións para que expliquen as súas propostas para o galego, xa que considera que “este ano electoral de 2015 debe ser o da decisión colectiva de mudar un rumbo catastrófico para o noso idioma, medio de comunicación habitual dunha boa parte do país e fundamento da cultura galega contemporánea”.Así, realizou un “un chamamento ás forzas políticas galegas, tanto as que contan con presenza institucional coma as que aspiran a acadala nos próximos comicios, para poñer fin a unha etapa nefasta, sen dúbida a peor na Historia recente do idioma”. Deste xeito, critican a algunhas institucións, nomeadamente a Xunta, da que din que “mentres afogan a lingua e a cultura cunha man visten a outra con luva branca, presiden cerimonias e invocan quen sabe que tipo perverso de galeguidade”.
"Afoga a lingua cunha man e coa outra preside cerimonias e invoca galeguidade", aseguran sobre a XuntaProlingua solicítalles “ás direccións e ás militancias do conxunto dos partidos que debatan e expliquen con claridade cal é a súa proposta para un consenso nacional sobre o idioma e cales as medidas que urxe tomar”. “É a hora de recuperar o consenso na dobre dirección de fortalecer os dereitos das persoas galegofalantes e garantir o dereito das castelanfalantes a aprenderen e valoraren o idioma propio de Galiza”, afirma a Plataforma, que tamén afirma que “abonda de decorado folclórico e de rituais grandilocuentes: cómpre concreción, asunción de compromisos ante a cidadanía e mecanismos para que o recollido no programa vaia máis alá do ámbito do virtual. Se a galeguidade é un valor, tentar apropiarse dela para beneficiarse dos votos constitúe unha fraude contra o patrimonio común, fágao quen o faga”.
“A mellor forma de basear firmemente unha futura converxencia acerca do destino da lingua é situala nos programas ao nivel que a súa importancia merece; un nivel que asegure a súa transmisión e continuidade, que fomente as actitudes positivas e garanta o seu uso real en calquera situación”, conclúe Prolingua nunha nota pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario