xoves, 29 de xaneiro de 2015

As bolsas rexistran a súa maior caída dende 1996

As axudas máis baixas danse en La Rioja, Madrid e Baleares.

Os últimos datos do Congreso dos Deputados avalan o que se converteron nun segredo a voces: os bolseiros universitarios españois perderon moito poder adquisitivo. A contía das axudas caeu máis do 21% nos dous últimos cursos. Os estudantes cobraron en 2011/12 unha media de 3.170 euros fronte aos 2.496 do curso pasado. As rexións coas contías máis baixas son La Rioja (1.637,6); Baleares e Madrid, con 2.030,72 euros en ambos os dous casos. As medias máis altas rexistráronse en Extremadura (3.149); Castela-A Mancha (2.835,4) e Andalucía (2794,9). Estas tres últimas están entre as rexións con menos renda per cápita.
A resposta a unha pregunta parlamentaria do PSOE evidencia que se trata da maior caída porcentual nas bolsas xerais e de mobilidade dende 1996. As contías subiron progresivamente curso a curso -só houbo unha rebaixa de 13 euros entre 1996/97 e 1997/98- ata alcanzar un tope de 3.170 euros na convocatoria de 2011/12. O Goberno de Mariano Rajoy cambiou en 2012 o sistema de repartición, engadiu criterios académicos e introduciu un baremo que inclúe unha parte de axuda fixa e outra variable, en función do número de demandantes e do presuposto.
O Ministerio de Educación defende que o número de bolseiros aumentou exponencialmente -un 20% en catro cursos ata 317.000 persoas- pero non adoita facer referencia á rebaixa das cantidades. O deputado Miguel Ángel Heredia (PSOE) considerou onte que estes últimos datos evidencian que "o PP fixo un estrago no principio de igualdade de oportunidades" e que se pasou "da bolsa como dereito á bolsa como premio".

Protestas nos reitorados pola reforma universitaria

Catro sindicatos de ensino (CC OO, UGT, CSIF e Confederación Intersindical Galega) convocaron para mañá as 12.00 protestas nos reitorados contra o decreto que flexibiliza a duración dos graos universitarios, que previsiblemente aprobará ese día o Consello de Ministros.
O decreto do Ministerio de Educación permitirá que as universidades, de forma voluntaria, implanten carreiras de tres anos e dous de másteres fronte aos actuais graos de catro máis un. Os sindicatos súmanse á crítica da conferencia de reitores e do Consello de Estado, e piden que non se aprobe "sen debate coa comunidade universitaria". O Consello alertou no seu informe preceptivo de que a reforma ten "un prazo moi breve" -o borrador prevé a súa implantación dende setembro de 2015- e pide que se amplíe para "unha adaptación máis coordinadas polas universidades".

Ningún comentario:

Publicar un comentario