martes, 20 de xaneiro de 2015

A precaria situación do galego chega este mércores á ONU

A discriminación do galego será analizada pola ONU este vindeiro mércores. A delegación de ELEN (European Language Equality Network) será quen achegue os datos sobre a precaria situación do galego na Revisión Periódica Universal das Nacións Unidas e onde o informe de dereitos humanos presentado polo Estado español será revisado polo Reino Unido, Serra Leoa e Macedonia.
No devandito informe, a delegación de ELEN -da que forma parte A Mesa pola Normalización Lingüística e cuxo presidente, Marcos Maceira, estará presente- presentará un relato con casos concretos de discriminación lingüística nos territorios con idioma propio diferente do castelán no Estado. No caso do galego, incluiranse as demoras en operacións médicas por solicitar a autorización en lingua galega, as denegacións de bolsas predoutorais por presentar o título universitario en galego ou as ameazas en probas de oposicións por empregar o idioma propio.
O informe inclúe casos de discriminación de galegofalantes na sanidade pública, no ensino ou en oposicións
Todos eles, son casos xa denunciados por A Mesa entre 2012 e 2013, pero no informe incluiranse tamén referencias aos "retrocesos a respecto da oficialidade do galego que está a impulsar o actual goberno da Xunta" no ámbito do ensino, como o decreto do plurilingüismo que limita o uso da lingua propia nas escolas.
Segundo A Mesa, estes casos que serán expostos ante a ONU "non son máis que unha parte da totalitade da discriminación que se producen realmente, xa que en moitas ocasións, as vítimas destes abusos ilegais non o denuncian, e a información tampouco chega ás entidades en defensa da lingua ou aos medios de comunicación".
Nos tribunais, como destaca a entidade, "a situación é especialmente grave". Así, lembra que xa se denunciaron casos como a non aceptación dunha demanda en Vigo por estar feita en galego ou o dun xulgado catalán que retirou a custodia dunha filla ao pai, alegando que lle falaba en catalán para separala da nai.
O informe conclúe que as autoridades do Estado "fomentan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos"
O informe será presentado pola Rede Europea pola Igualdade Lingüística (ELEN), que se constituíu en 2011 para traballar na protección e promoción das nacións sen estado de Europa e as linguas en minorizadas e que representa 44 linguas en 21 Estados europeos. Nel, chégase á conclusión de que as autoridades españolas "fomentan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos" e detalla casos da discriminación sufrida por falantes de galego, catalán, éuscaro, aragonés ou asturiano.
Ademais, advirte que a xudicatura, a policía, o sistema educativo e a sanidade pública son "permeables a actitudes non igualitarias que acaban traducíndose acotío en comportamentos abusivos e inapropiados". A ELEN conclúe no estudo que, logo da gran cantidade de probas detalladas en diferentes áreas, resulta claro que "a discriminación contra as linguas propias diferentes do español é sistémica desde o propio Estado, e que esta discriminación está institucionalizada".
A Rede tamén advirte da dificultade e hostilidade que a xustiza española supón para defender os dereitos dos falantes de linguas diferentes ao castelán e enumera unha serie de artigos de diferentes tratados internacionais das Nacións Unidas que "cando menos son violados frecuente e sistematicamente polas autoridades españolas", como o artigo 7 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, dous máis da Convención sobre os Dereitos do Neno ou o primeiro da Declaración sobre os Dereitos das Persoas Pertencentes a Minorías Nacionais ou Étnicas, Relixiosas ou Lingüísticas. Máis de quince artigos que serían incumpridos habitualmente.
O estudo enumera máis de quince artigos de tratados da ONU que serían incumpridos no ámbito lingüístico en España
A sesión da Revisión Periódica Universal da ONU celebrarase en Xenebra (Suíza) o vindeiro mércores a partir das nove da mañáe tratará sobre o cumprimento dos deberes do Estado en relación cos dereitos humanos, tamén cona lingua. Ademais da Mesa, a delegación de ELEN estará composta por Ferran Suay (Acció Cultural del País Valencià ­ ACPV), , Rosa de les Neus Marco (Plataforma per la Llengua, Cataluña), Francesc Felipe, Jaume Fullana e Natxo Badenas (Escola Valenciana).
“A discriminación por razóns lingüísticas é un ataque aos dereitos humanos e son indicativos dunha visión de supremacismo lingüístico que se está a reforzar nos últimos tempos, e en Galiza promovida por un goberno que ademais ten a obriga legal de defender o galego", dixo este luns Marco Maceira, que cre que é "lamentábel que aínda se produzan situacións como as que se denunciarán perante a ONU e que sexan entidades como A Mesa quen actúen para estes casos sexan coñecidos pola comunidade internacional”.
O presidente da Mesa indicou tamén que ademais da denuncia internacional "cómpre unha resposta ampla e contundente por parte da sociedade galega", á que chamou a participar tanto nos diferentes actos que a plataforma Queremos Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario