martes, 20 de xaneiro de 2015

A "nova emigración" galega baleira de mozos un país "estancado"

Galicia afronta un "fenómeno de nova emigración" nos últimos tempos, tal e como destaca o Foro Económico de Galicia nun novo informe de conxuntura económica que analiza as cifras ao remate do terceiro trimestre de 2014. Tal e como destaca o colectivo, o final dese período saldouse no país cunha caída de 21.100 persoas na poboación activa entre os 25 e 34 anos, dos que case unha terceira parte son mozos e mozas con estudos superiores.
O país perdeu 21.100 activos de entre 25 e 34 anos, unha terceira parte deles con estudos superiores
A emigración, que non deixou de medrar en Galicia desde o comezo da crise, débese á situación de "estancamento" da economía galega, xustificada segundo o Foro nese "crecemento nulo, do 0% do PIB" nese terceiro trimestre con respecto dos meses anteriores, o que rachou coa lixeira e mínima tendencia de medre anterior e desde 2012. O coordinador do devandito informe, o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, destaca que este empeoramento débese á febleza do comercio exterior e ao seu comportamento empeorado. Un crecemento "freado" e que sempre estaba ligado ao que ocorre con poucas e grandes empresas como Citroën en Inditex.
"O débil comportamento do sector exterior non permite compensar a demanda interna como até o de agora", advirte o Foro
"A causa fundamental para esta evolución do PIB galego atópase no débil comportamento do sector exterior que non permite compensar a demanda interna, como viña acontecendo ata o de agora. As taxas de variacións de exportacións e importacións foi dun 1,1 e 1,0%, respectivamente, fronte ao 11,6 e 9,0 do ano pasado", engade o estudo.
Ademais, o Foro Económico de Galicia destaca que este estancamento compénsase un chisco polo lixeiro aumento do consumo nas familias e na demanda interna, pero advirte de que isto provoca tamén que se "baleire o colchón" do aforro e aumente o "endebedamento" dos fogares, así como as dúbidas que se crean na cidadanía sobre o futuro económico.
Con todo, existe en Galicia un aumento do 0,4% na actividade produtiva en comparativa interanual, o que se traduciu no terceiro trimestre de 2014 nunha mellora das afiliacións e un crecemento do emprego.
Os parados de moi longa duración aumetaron nun 8% no último ano e suman xa máis de 105.000 galegos
Non obstante, parece difícil falar de recuperación de ter en conta o número de parados de moi longa duración -aqueles que levan máis de dous anos en desemprego- e cuxa cifra aumentou un 8% até acadar máis de 105.000 parados e que supoñen máis do 40% do total de persoas sen traballo, 5,5 puntos máis que o estimado no mesmo período do ano anterior.
No mesmo sentido, o Foro repara na "confirmación" do retroceso do sector industrial en Galiciaxa que, "tras un 2013 onde foi a rama co mellor comportamento, experimentou en 2014 taxas de variación negativas que chegaron no terceiro trimestre ao 3,1%". Só repunta o sector servizos con taxas de variación positivas en todos os trimestres de 2014 (1,9% no terceiro) "contrastando coa evolución negativa que experimentara nos dous anos precedentes".
Por outra banda, na presentación do informe, os economistas galegos aseguraron non estar "nada" preocupados pola actual deflación xa que, como explicou o director do Foro e catedrático da Universidade de Vigo, Santiago Lago Penas, esta será temporal ao estar vinculada co prezo do petróleo, que "volverá subir" nalgún momento. Máis lles preocupa que o conxunto da demanda na UE "non se estea comportando de forma expansiva", debido a que, se a recuperación depende do aforro dos fogares, "esa recuperación ten un límite".

Ningún comentario:

Publicar un comentario