martes, 20 de xaneiro de 2015

A Mesa denuncia o Estado español perante a ONU por vulnerar os dereitos do galego

A MNL leva o 21 de xaneiro ao Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas a denuncia das vulneracións e incumprimentos por parte dos poderes públicos en materia lingüística.

O vindeiro 21 de xaneiro, o Comité de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas recibirá unha denuncia das vulneracións e incumprimentos do Estado español no campo lingüístico. O Comité terá nas súas mans o informe e relatorio das vulneracións en materia lingüística referentes ás tres linguas cooficiais. Será en Xenebra e da man dunha delegación de Elen na que participará a Mesa pola Normalización Lingüística, co seu presidente ao fronte, Marcos Maceira. Elen é unha organización que aglutina diferentes entidades – de Euskal Herria, Catalunya, Valencia...- de defensa dos diferentes idiomas do Estado español.
Cada certo tempo o Comité de DDHH reúnese para avaliar o cumprimento dos diferentes estados que integran a ONU en dereitos humanos. O 21 deste mes realizarán unha desas xuntanzas e por iso a MNL con Elen van estar presentes ese día para denunciar os incumprimentos do Estado español en materia lingüística.
Cidadáns de pleno dereito
Desde A Mesa lembran que hai motivos de abondo para esta denuncia, como o incumprimento por parte do Estado español da Carta Europea das Linguas ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, do incumprimento dos dereitos lingüísticos polas administracións do Estado e mesmo da regresión que se está a producir a respecto do galego por parte de medidas e políticas adoptadas pola Xunta (como o ‘decretazo’ no ensino). “Se optas por vivir en galego non es un cidadán de pleno dereito. Que acceso tes ao galego, por exemplo, na Xustiza, ou mesmo nun ensino no que mesmo hai materias que se prohibe que se impartan en galego?”, indican desde a entidade que preside Marcos Maceira.
A European Language Equality Netwkork presenta a denuncia da que fai parte a Mesa
A MNL dá o paso de “internacionalizar” o que está a acontecer co galego: “Os poderes encarregados de protexer e de promover o galego están a facer todo o contrario, non cumpren con esas obrigas. Por iso se orixina esta denuncia”.
Compromiso
A Mesa non vai estar sola o vindeiro día 21 de xaneiro. A European Language Equality Netwkork, entidade que presenta a denuncia, formouse en Estrasburgo en 2011, substitúe o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos

Ningún comentario:

Publicar un comentario