martes, 27 de xaneiro de 2015

O PP insiste na educación en inglés

Os populares rexistran unha iniciativa na Cámara para implantar a educación plurilingüe en Bacharelato e FP porque "un dos principais déficits crónicos do sistema educativo español foi a debilidade da aprendizaxe en idiomas estranxeiros".

Menos do 13% dos nenos menores de 14 anos falan galego como primeira lingua, fronte ao máis de 50% que utiliza o español pero, a pesar diso, o PP insiste en potenciar o uso do inglés fronte a lingua propia do país. 
 
Desta volta, os populares rexistraron unha iniciativa no Parlamento galego na que insta á Xunta a implantar de modo progresivo a educación plurilingüe nos centros que imparten Bacharelato, FP e outros estudos posobligatorios, é dicir, a implantación do inglés na educación.
 
A través dun comunicado, o portavoz de Educación do PPdeG no Parlamento, Román Rodríguez, afirma que "os centros plurilingües son unha oportunidade de aprendizaxe que se implementaron nos últimos anos de modo progresivo na educación Primaria e en ESO". "Por este motivo, entendemos de gran interese estender esta metodoloxía de aprendizaxe ao Bacharelato e a outros", engade.
 
O deputado sinala que o manexo de idiomas entre os mozos é "vital no mundo actual" e "un dos principais déficits crónicos do sistema educativo español foi a debilidade da aprendizaxe en idiomas estranxeiros".
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario