luns, 12 de xaneiro de 2015

As bibliotecas municipais comezan a recibir cartas de entidades de xestión reclamando o pago do canon

O pasado verán o Goberno central aprobou a aplicación dunha directiva da Unión Europea que establece que toda biblioteca de localidade maior de 5.000 habitantes debe pagar un canon por libro prestado ou por usuario do centro ás sociedades de autores e editores. En virtude desta disposición, a partir de xaneiro de 2016 os concellos deberán pagar 0,004 euros por cada vez que unha biblioteca pública preste un libro a un cidadán. E, dende o pasado mes de agosto as administracións locais están xa obrigadas a aboar cinco céntimos de euro por cada usuario que empregue este servizo cando menos unha vez ao ano e, mentes non entre en vigor o pago por obra, as bibliotecas municipais deberán pagar 16 céntimos por cada libro que compren para os seus fondos.
As cartas instan ao pagamento non só das cantidades correspondentes a 2014 senón tamén, retrospectivamente, ás dos cinco anos anteriores
A medida foi durante criticada por concellos, forzas políticas e polas propias asociacións de bibliotecarios e bibliotecarias, que ven no canon "un imposto á lectura" que tampouco beneficia en modo ningún a autores e autoras. Denunciaban, así mesmo, que se fixese "recaer o peso do pago sobre os concellos", sendo estes os servizos "máis próximos á cidadanía e que máis invisten en cultura e infraestruturas culturais" e que, contrariamente, "son as que menos recursos dispoñen e que teñen que facer un sobresforzo sobre os seus minguados orzamentos".
Segundo denuncia a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia (ABMG), os concellos xa comezaron a recibir cartas de entidades de xestión coma CEDRO, DAMA, SGAE ou VEGAP que os instan ao pagamento non só das cantidades correspondentes a 2014 senón tamén, retrospectivamente, ás dos cinco anos anteriores.
A Asociación esíxelle ao Executivo que "non se pregue aos intereses destas entidades privadas criminalizando as bibliotecas públicas coma se prexudicaramos os autores"
A Asociación esixe a derrogación ou cando menos a modificación do decreto aprobado o pasado mes de xullo polo Goberno, "declarando as Bibliotecas Públicas exentas de tal pago, xa que a directiva europea á que tanto se aferran permite aos estados membros eximir o pago do canon a entidades de utilidade pública". De igual xeito esíxelle ao Executivo que "non se pregue aos intereses destas entidades privadas criminalizando as bibliotecas públicas coma se prexudicaramos os autores". "Hai máis maneiras de remunerar os autores sen prexuízo das bibliotecas", engade.
A entidade subliña ademais que "non se pode pagar un canon a unha entidade que non sabemos a quen representa, nin o que paga aos autores, con funcionamento e criterios mercantís, nin cales son os criterios para o reparto dos dereitos de autor". Propón, igualmente, que "xa que a demagoxia clásica dos políticos deste país insiste en que as cantidades son mínimas (ata o de agora)" que sexa "a propia administración a través dunha licencia nacional con fondos estatais, a que se faga cargo desta remuneración".
"Estase a infrinxir un dano grande xa non só económico, senón de principios, ás bibliotecas públicas"
A través da súa presidenta, Mª Jesús Álvarez Sánchez, a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia conclúe que "se está a infrinxir un dano grande xa non só económico, senón de principios, ás bibliotecas públicas, á raíz dos seus fundamentos sociais, educativos e culturais". "Estamos fartos de que, no que respecta ás bibliotecas, todo sexa restar e nunca sumar (reducións orzamentarias, persoal mínimo,..), de que a administración competente non defenda os intereses para o que foi creada, senón que defenda a entidades privadas con ánimo de lucro cun funcionamento non sempre transparente", engade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario