martes, 4 de outubro de 2016

Akademia Project busca en Santiago estudantes interesados en montar a súa empresa

O 94% do alumnado que participou en Akademia Project en anteriores edicións recomendan a realización deste curso que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. Impulsado pola USC e a Fundación Bankinter, as persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores ebusiness angels.
O prazo de inscrición rematará o próximo domingo, 9 de outubro, e para formalizar este trámite será necesario enviar un currículo a youakademiausc@gmail.com. Ademais, este martes 4, ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia, está prevista unha sesión de presentación para todo o alumnado interesado. O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio de Uninova.
Formación diferente
Akademia You Project é unha aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Este programa naceu hai xa oito anos e os máis de mil estudantes que o teñen cursado en distintas universidades españolas o avalan, cunha taxa de recomendación do 94%.
A partir dun material único xerado no mellor Think Tank de Ciencia e Tecnoloxía de España, analizaranse as tendencias clave de innovación. A  aprendizaxe levarase a cabo dun xeito colaborativo da man de profesionais expertos, emprendedores e business angels e, ao finalizar, os alumnos poderán ter acceso a prácticas nacionais e internacionais.
Akademia Project diríxese a estudantes de grao e posgrao de calquera titulación universitaria que participarán en doce sesións ao longo de todo o ano e que rematarán coa presentación do proxecto emprendedor ante un xurado formado por especialistas, emprendedores e potenciais inversores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario