luns, 10 de outubro de 2016

O PP creou un “problema público” ao usar a lingua como “elemento de confrontación”

A doutora Marta Gómez Ocampo, da Univesidade de Santiago de Compostela, analiza a estratexia seguida polo PPdeG e colectivos como Galicia Bilingüe para facer emerxer o conflito arredor do uso do galego no ensino.

O decreto do pluringüismo supuxo "un retroceso en materia de política lingüística" e foi o froito do uso da lingua como "elemento de confrontación política, como arma electoral" do PP mediante a "utilización de termos como «imposición», «adoutrinamento» ou «liberdade de expresión»". Así o explica a doutora en Xestión Pública Marta Gómez Ocampo, da Universidade de Santiago de Compostela, nun artigo publicado no último número da revista Grial sobre o "nacemento, auxe e consecuencias da creación dun problema público" arredor da lingua galega.
Segundo a análise de Gómez Ocampo, o discurso sobre a lingua por parte do PP a partir da campaña electoral de 2009, cando a colectivos como Galicia Bilingüe, "fixo rexurdir e fomentou os prexuízos cara ao galego e a súa utilidade no eido do ensino cuxos ecos aínda resoan case unha década despois".
A autora é crítica co decreto do plurilingüismo que logo impuxo o PP cando acadou o poder en 2009, pois "non só se reduce o número de horas de docencia en galego senón que se volve a un modelo semellante ao imperante durante os anos noventa, onde a pasividade da Administración e a permisividade de inspección educativa deixa nas mans dos centros o cumprimento da normativa e os avances en normalización en mans dos EDL, familias e docentes comprometidos coa lingua galega".
Gómez Ocampo lembra que, malia a súa importancia, "a política lingüística en Galicia, non ocupou un papel relevante na axenda política autonómica" durante máis de dúas décadas, pola existencia dunha relativa “paz lingüística”.
"A pesar das continuas confrontacións entre administración e nacionalismo, semellaba existir un consenso sobre a o feito de que o galego estaba nunha situación de inferioridade con respecto ao castelán e que era necesario adoptar normativas que regulasen a presenza das dúas linguas oficiais no ensino que garantisen a progresiva normalización do galego. Así, pese a existencia de diferentes visións en canto á intensidade que a política lingüística debía ter, as diferentes normativas que regulaban a presenza do galego do ensino foron aprobadas por unanimidade no Parlamento autonómico", explica a autora, quen recorda que "grupos contrarios á normalización da lingua galega tiñan un peso marxinal".

GOBERNO BIPARTITO E CAMBIO NA ESTRATEXIA DO PP
Porén, esta situación mudou a partir das eleccións autonómicas de 2005, cando por primeira vez un partido nacionalista —o BNG— entrou a formar parte do Goberno galego, en coalición co PSdeG. Esta nova etapa permitiu que se aprobase un novo decreto que garantirá que, como mínimo, que un 50 por cento das materias se impartirían en galego, coa oposición do PPdeG, "iniciándose así un período que vai a alterar por completo o escenario da política lingüística galega: durante o período comprendido entre os anos 2007 e 2009 a crispación política ao redor da lingua chegou a acadar límites xamais vistos", subliña a autora.
Nestes anos, termos como “imposición lingüística”, “liberdade de elección”, “adoutrinamento nas aulas” ou “ruptura do bilingüismo harmónico” foron unha "tónica habitual no discurso do PPdeG e de Galicia Bilingüe", describe Gómez Ocampo.
Esta estratexia levouse aos medios de comunicación, nos que "a cuestión da lingua copaba as portadas e contidos dos principais medios e convertíase nun dos principais elementos do discurso político, chegando a ser, en plena crise económica, un dos piares fundamentais na campaña das eleccións autonómicas de 2009".
"O PPdeG asumía así unha visión máis próxima á liña estratéxica e ideolóxica seguida polo Partido Popular a nivel nacional, para quen a cuestión da lingua era, sobre todo en Cataluña, un eixe importante do seu discurso político e da súa estratexia como membro da oposición", explica a doutora.
Segundo Gómez Ocampo, a política levada a cabo polo goberno bipartito, plasmada no decreto 124/2007, seguía a mesma liña que as normativas anteriores: a asignación de porcentaxes para cada unha das linguas, máis "cunha diferenza fundamental: non só se incrementaba a cota de materias que impartir en galego, senón que se establecían medidas de avaliación e control que garantirían o cumprimento da normativa".
Neste novo contexto, no que o PP decidiu iniciar o confrontamento lingüístico, o colectivo Galicia Bilingüe xogou un papel fundamental. "Consciente ou inconscientemente, soubo aproveitar a ruptura do consenso en materia de política lingüística e a posición adoptada polo PPdeG para liderar a oposición ao decreto 124/2007 e impulsar a súa propia proposta de modelo educativo que, dende finais dos anos oitenta, defendían colectivos semellantes", argúe Gómez Ocampo.
GOBERNO DO PP E DECRETO DO PLURILINGÜISMO
Nas eleccións de 2009 gañou o PP e Alberto Núñez Feijóo converteuse en presidente da Xunta, despois dunha "dura e intensa campaña electoral marcada por cruzamentos de acusacións e ataques persoais" e na que "a cuestión da lingua ocupou unha posición central"
"O novo goberno de Núñez Feijoo tiña agora que enfrontarse coas consecuencias de crear e alimentar o «problema da lingua»”. O nomeamento de Anxo Lorenzo como secretario xeral de Política Lingüística foi, segundo esta autora, un "intento por desvincularse dos discursos sobre a lingua que defendía Galicia Bilingüe e sectores do propio PPdeG". Pero a polémica reavivouse co polémico decreto aprobado en 2010, contestado por un amplo sector da sociedade galega.
"Despois dun borrador de decreto presentado o 31 de decembro de 2009, que tivo unha forte contestación social, o goberno procedería a introducir algunhas modificacións e aprobaría en maio de 2010, co voto en contra de PSdeG e BNG, o decreto 79/2010, coñecido como o «decreto do plurilingüismo», que introduciría importantes cambios con respecto á normativa aprobada polo goberno bipartito: reducíase a porcentaxe de horas que impartir en galego, establecíase unha consulta aos pais para determinar a lingua materna en Educación Infantil, os Equipos de Normalización Lingüística pasaban a denominarse Equipos de Dinamización Lingüística e perdían peso no proxecto de normalización dos centros, outorgaba ao alumnado a liberdade para empregar a lingua da súa preferencia e volvía apostar por medidas de control e avaliación máis laxas", recorda a doutora da USC.
Seis anos despois, o conflito lingüístico segue vivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario