venres, 28 de outubro de 2016

EPA: 206.700 desempregados en Galiza e 72.100 fogares con todos os membros no paro

A taxa de paro é do 16,35%, por baixo da media estatal (18,9%) mais superior ás dos territorios da súa contorna.

A Enquisa da Poboación Activa (EPA) correspondente ao terceiro trimestre indica que en Galiza hai 206.700 persoas desempregadas, o que supón 16.200 parados menos que hai un ano. A taxa de paro é do 16,35%, mellor que a media estatal, que está no 18,9%, mais peor que a maioría dos territorios veciños. Así, e agás Asturies (onde é do 17,5%), en Castela-León sitúase no 13,9% e no resto da cornixa cantábrica (Cantabria, Euskadi) baixa do 13%. A EPA abrangue os meses de xullo, agosto e setembro, tradicionalmente favorábeis ao emprego polo tirón en sectores como hostalería e turismo, unha tendencia que cada vez se nota máis en Galiza.
A EPA cifra en 72.100 os fogares que hai en Galiza e que teñen todos os seus membros en paro. Son mil menos das que había no terceiro trimestre de 2015. O número de vivendas con todos os seus activos ocupados son 570.100. Mais aqueles onde non hai ninguén activo son 342.300.
A ocupación aumenta en 23.900 persoas no terceiro trimestre de 2016 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.057.900 persoas ocupadas. A taxa de ocupación aumenta un punto porcentual neste trimestre, ata o 45%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario