venres, 7 de outubro de 2016

A precaria situación do galego en infantil centra a Revista Galega de Educación

O número 65 da Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega, pon o foco na exclusión da lingua galega na etapa infantil, onde só dous de cada dez crianzas falan en galego cos seus amigos e amigas.

O novo número da Revista Galega de Educación céntrase na preocupante situación do galego na etapa infantil, de modo que recolle unha serie de traballos que constatan a práctica exclusión da lingua galega entre as crianzas.
Na presentación, que tivo lugar na sede da Real Academia Galega, Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega, expuxo que o novo volume pretende contribuír á reflexión no mundo educativo, e en toda a sociedade, sobre a lingua propia na educación das crianzas. Sinalou que a lingua “está atravesando un momento realmente malo”, debido ao chamado Decreto do plurilingüismo, que reduce a presenza do idioma propio no ensino.
Candedo reclamou "máis apoio institucional" para o labor de normalización no ensino
A profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña puxo de manifesto a necesidade de traballar na formación para reforzar a transmisión do galego no ensino e denunciou que o traballo de normalización na escola “aínda se desenvolve con elevadas doses de voluntariedade”. De aí que reclamara “máis apoio institucional”.
Na mesma liña, Antón Costa, membro do consello de redacción da revista, botou en falta “un traballo máis decidido por parte da Administración, que supere a idea de que o galego é non só un dereito de liberdade, senón tamén un patrimonio que paga a pena e que hai sobre el unha responsabilidade colectiva”.
Só se lle transmite o galego a un terzo dos nenos nados no século XXI
Xaquín Loredo, investigación do Seminario de Sociolingüística da RAG, debullou o artigo que publica no novo número deu conta de cifras que ilustran a realidade que sofre a lingua galega. Só se lle transmite, apuntou, a un terzo dos nenos nados no século XXI. “Estes utilizan maioritariamente o castelán en todos os contextos de socialización onde se desenvolven diariamente, incluído o educativo, de maneira que oito de cada dez pequenos falan en castelán cos amigos”, advertiu.
Tamén tomou a palabra o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, quen salientou que a infancia e a mocidade “son o primeiro” á hora de estabelecer prioridades na política lingüística. “Non hai dúbida de que o futuro do idioma está na transmisión interxeracional”,subliñou.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario