venres, 7 de outubro de 2016

Ferroatlántica: en español, inglés, francés e mandarín si; en galego, non

O código ético de Ferroatlántica non permite o uso galego nas reclamacións internas da empresa vulnerando a legalidade.

O código ético da multinacional Ferroatlántica, con fábricas e concesións hidroeléctricas e mineiras en territorio galego, exclúe o galego para as denuncias e trámites internos da compañía para cos seus traballadores. Así o afirma A Mesa após recibir unha denuncia no servizo “A Liña do Galego”. O chamado código ético da compañía é o equivalente ao seu regulamento de réxime interno. No seu punto 10.3.2 sinala que “se poderán formular denuncias en lingua española, inglesa, francesa, ou chinesa (mandarín) por escrito, ben mediante a cumprimentación do formulario on-line habilitado ao efecto ou ben por correo postal preferibelmente certificado e con acuse de recibo (…)”.
A compañía, propiedade do Grupo Villar Mir, exclúe o uso do galego, afirma A Mesa, vulnerando por tanto, o contemplado na lexislación nacional e internacional que ampara o uso do galego, ente outras, o artigo 5 do Estatuto de Galiza de 1981, artigo 1 da Lei de Normalización Lingüística de 1983; artigo 6.1 e .2 da lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galiz para a súa adaptación á directiva 2006/123/ce do parlamento europeo e do consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior; artigo 46.1 da lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, e o artigo 13 b e e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, preguntouse se existe esta permisividade por parte da Xunta con todas as accións desta empresa que, lembrou, conta con tres fábricas en Galiza e seis minicentrais eléctricas, ademais das explotacións mineiras do grupo ao que pertence. A Mesa anunciou que se vai dirixir á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á propia Ferroatlántica, así como ás Consellarías de Industria e de Traballo para que actúen a favor das leis de Galiza e abran unha investigación.
Para Maceira, “a Xunta, a través das Consellarías de Industria e de traballo, debe investigar a existencia de posíbeis vulneracións dos dereitos lingüísticos” e mais ao se tratar dunha compañía que “obtén grande parte dos seus beneficios da extracción de recursos e actividades industriais en Galiza””.

Ningún comentario:

Publicar un comentario