
Cómpre dicir que esta proposta, que aínda ten aberta a súa inscrición, ten como meta que os participantes traballen e durman na Casa da Luz, onde, divididos en grupos, abordarán a creación dun videoxogo educativo para móbiles e tabletas, “na que a única restrición será o tema”, que non coñecerán até o mesmo día do comezo, segundo informaba a co-presidenta do comité organizador desta actividade, a profesora Beatriz Legerén, que se leva a cabo en colaboración co Concello.
Así, os participantes nesta Game Jam deberán presentar ao cabo de tres días as súas propostas na xornada de peche do CIVE, na que optarán a un premio outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e á posibilidade de desenvolver unha campaña de crowdfunding para obter os fondos para desenvolver o seu xogo.
Cómpre salientar que este congreso internacional desenvólvese por primeira vez en Galicia (tras celebrar as súas primeiras edicións en Valencia, Cáceres e Bos Aires) da man do grupo Alfás, que reúne a académicos e académicas de diferentes países que traballan no uso do videoxogo na aula e que celebrará ademais no campus a súa primeira asemblea, nunha actividade que achegará á cidade a expertos e profesionais como o programador Michael Santorum, de Tequila Works; o artista 3d arxentino Gregorio D`Angelo; Pablo Boquete, do Instituto Escola de Belas Artes de Uruguai; Guido Giunti, da Universidade finlandesa de Oulu ou a investigadora Graciela Esnaola, da Universidade Tres de Febrero da Arxentina. Así, o mércores trataranse os aspectos da historia e a narración, o xoves as mesas de debate centraranse nas regras e mecánicas, onde o protagonismo será para a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o venres afondarase na ilustración, o deseño e a arte no videoxogo.
Alén disto, esta última xornada completarase coa celebración (ás 17.30 h) dunha mesa redonda que tratará de dar resposta á pregunta de se É posible unha industria de contidos dixitais en Galicia?, organizada polo Clúster do Audiovisual Galego. Estes tres días de debate veranse precedidos, o martes 25, pola Game Start, unha xornada de traballo para o profesorado, centrada na aplicación dos videoxogos como das técnicas de gamificación nas aulas, para a aprendizaxe de calquera tipo de disciplina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario