Nas últimas semanas e estimulado dende certos
altofalantes mediáticos, estableceuse un debate sobre os malchamados
“deberes” e a súa conveniencia ou non para o axeitado rendemento da nosa
poboación escolar.
A partires de aquí, escoitáronse opinións de todo
tipo e de diverso ton, como se do resultado do debate dependese o futuro
da nosa escola. Esta proposta parecera remitirnos ao chamado Principio
de Cambridge: dada a cor de pelo do capitán e o mes en que naceu,
determine vostede a lonxitude da eslora do barco...
Dende o STEG opinamos que o debate NON é ese. Se
temos en conta o retroceso acontecido no ensino público de Galiza dende a
chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta, concluiremos que a
cuestión dos “deberes” é só unha cortina de fume que vén agochar o
verdadeiro debate: pode haber un ensino público de calidade coas
agresións que se lle perpetraron nestes últimos anos dende a Xunta?
Pensamos que non.
Xulgamos que o foco de atención debera centrarse
nos máis de dous mil docentes que perdeu o ensino público dende o 2009,
na excesiva ratio das aulas das nosas escolas; no desleixo pola atención
á diversidade, co profesorado especialista en audición e linguaxe e
pedagoxía terapéutica sometido a circunstancias e condicións de traballo
que non favorecen en nada a súa actividade; na escasa importancia que
se lle atribúe aos Departamentos de Orientación, afogados por todo tipo
de requerimentos que detraen tempo do seu traballo así como a oferta das
prazas de Orientación con afíns; o pouco tempo de que dispón o
profesorado para deseñar as súas actividades e planificalas coordinada e
axeitadamente no camiño de axudar o alumnado con máis dificultades; o
nefasto plantexamento da LOMCE, que resta democracia aos centros e que
está imbuído dun ton retrógrado que nos sitúa nos anos 60....
En resumo: neste contexto parécenos pouco serio e
algo frívolo suscitar un debate sobre a cuestión dos malchamados
deberes, habendo problemáticas tan perentorias coma as que vimos de
citar.
Aínda así, se concebimos a escola como un lugar
onde se propoñen situacións de ensino aprendizaxe, se a pensamos como un
lugar de descubrimento onde espertar a curiosidade e o interese das
meniñas e meniños, deberiamos propor actividades debidamente
contextualizadas conforme aos principios de adecuación, motivadoras e
que promovan a autonomía e iniciativa persoal do alumnado e o interese
do mesmo en afondar por si mesmo naquelas cuestións e temas traballados
na escola. Nomeadamente, aquelas que promovan o hábito da lectura
(talvez a chave de todo), a indagación ou búsqueda de información nun
libro ou na Internet, promovendo tamén a súa intelixencia social (unha
consulta aos maiores, nais, pais ou avoas/avós, por exemplo) así como a
necesaria reflexión sobre os aspectos abordados na escola. Cómpre
lembrar que en moitos fogares non existen hábitos nin recursos dabondo
que poidan garantir un axeitado desenvolvemento académico polo que este
tipo de recurso pode afondar nas dificultades académicas do alumnado cun
nivel socioeconómico máis baixo, convertíndose nun recurso segregador.
Consideramos pois que debe contemplar tamén estas circunstancias,
facendo uso do sentido común en cada momento, respectando o criterio e a
profesionalidade das traballadoras e traballadores do ensino.
En definitiva, o problema para unha escola que
precisa ser transformada non son os “deberes”. Dende o STEG pensamos que
o problema é que se quere afogar o ensino público e o que urxe é que o
goberno da Xunta garanta os recursos humanos e económicos que a escola
precisa para poder ofrecer un ensino público de calidade, que contribúa a
exercer de elemento reequilibrador das desigualdades sociais
existentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario