A Valedora do Pobo, Milagres Otero: "non piden caridade, o que piden é xustiza, o que piden é o seu dereito á dignidade"
Este e outros datos que reflicten a difícil situación na que se atopan moitas persoas na Comunidade autónoma foi dado a coñecer este luns polo presidente da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia), Antonio Hernández, nun acto celebrado na sede do Valedor do Pobo con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza.
Outro dos datos aos que se referiu o portavoz de EAPN-Galicia é o da denominada pobreza severa, con ingresos inferiores a 332 euros ao mes. Nesta situación viven 1.320.000 homes e mulleres en España (o 4,8% da poboación), unha cifra que no canto de mellorar empeora, indicou Hernández.
"Ter emprego xa non garante saír da pobreza", indicou o representante de EAPN-Galicia, quen indicou que se crea emprego pero "precarios" e "moi temporalizado", xa que está moi notablemente vinculado ao sector da hostalería e o turismo.
Antonio Hernández referiuse á pobreza infantil, un termo, sinalou, que non acepta "porque detrás da pobreza infantil hai familias pobres". "Non hai nenos pobres en familias ricas", dixo.
O presidente da Rede Galega contra a Pobreza expuxo que é o momento de apoiar de forma decidida procesos integrais de inclusión, afastados de "políticas asistencialistas".
Ademais, demandou a todas as administracións que se comprometan desde o punto de vista orzamentario e con planificación a medio e longo prazo.
Outro dos compromisos que Hernández pediu ás administracións é coordinación política e técnica coas organizacións especializadas, así como "diálogo civil" para que se recoñeza lexislativamente ao denominado Terceiro Sector, as organizacións sen ánimo de lucro como cimento do sistema público de servizos sociais.
Pola súa banda, a Valedora do Pobo, Milagres Otero, que presidiu o acto ao que asistiron deputados dos grupos parlamentarios da Cámara galega, comprometeuse a traballar co seu equipo para tratar de minorar as cifras vinculadas á pobreza social.
"Cada cal está obrigado na vida a facer aquilo que pode facer""O que temos que facer é comprometernos. Cada cal está obrigado na vida a facer aquilo que pode facer, non a dar máis do que ten nin máis do que pode, pero iso ten que dalo con responsabilidade. Iso é o que estas asociacións nos piden hoxe: compromiso", dixo Milagres Otero.
Expuxo a Valedora que as persoas que están en situación de pobreza ou exclusión social "non piden caridade, o que piden é xustiza, o que piden é o seu dereito á dignidade".
"eles din que están fartos de boas palabras, e enténdoo. Entre todos nós temos que ser capaces de axudar a estas persoas; todos nós somos responsables e custodios da dignidade das persoas", subliñou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario