Desta volta o apoio para este rexeitamento púxoo a antiga Convergència i Unió que, dende os seus escanos do Grupo Mixto, presentou unha proposición non de lei encamiñada ao rexeitamento xeral á LOMCE e, máis concretamente, á derrogación do decreto que regula as reválidas finais da ESO e mais do Bacharelato. O resultado, como informa Sofía Pérez Mendoza para eldiario.es, non deixa lugar a dúbidas: 175 votos a favor, 133 en contra (o PP e Foro Asturias) e 34 abstencións (Ciudadanos, UPN e unha deputada do PSOE). Pero nada novo haberá, alén do xesto político, mentres non haxa un Goberno de España en condicións de aplicar o mandato do Congreso, xa sexa porque mude o seu signo ou, cando menos, porque deixe de estar en funcións.
O Congreso aproba por segunda vez en seis meses unha iniciativa para frear a 'lei Wert'Así, mentres o Ministerio de Educación segue adiante coa normativa para sustentar as reválidas sen sequera saber se poderá realizalas, o PP surfea sobre o bloqueo para defender a norma que queimou politicamente o ex-ministro José Ignacio Wert. Ante as acusacións de "mercantilismo" (PSOE) ou "profunda ideoloxización" cara á dereita (Unidos Podemos) que chegaban dende a tribuna, a voceira do PP no debate, Sandra Moneo -o ministro de Educación en funcións, Méndez de Vigo, optou por non acudir-, presentou a lei como un feito consumado ante o que non é posible "volver atrás".
O acordo contra a norma non impide que o Goberno de España en funcións siga adiante con algunha das medidas máis controvertidas, como as reválidasMoneo gábase do internamento do Goberno central nas competencias autonómicas con esta reválida -"é competencia exclusiva do Estado", subliña- e acusa, ao tempo, aos grupos contrarios á LOMCE de "utilizar a educación para dar cobertura a un discurso político que non atopa eco no mundo educativo". Deste xeito, os conservadores dan en pedir "xenerosidade" ao resto de formacións para seguir a aplicar a lei mentres o resto de grupos apenas coinciden en que queren modificala ou derogala. "Ningún hábil estratega conseguiría un acordo tan amplo contra a LOMCE", ilustrou o socialista Manuel Cruz. Mentres, Ciudadanos, continúa a moverse na abstención: "Derrogar por derrogar, é parvada", resumiu a súa deputada Marta Martín, mentres teima nun "Pacto Nacional pola Educación" sen maiores concrecións.
Así as cousas, a parálise política e institucional permite que o PP continúe a aplicar unha norma que, no entanto, suscita nas aulas a mesma oposición que ao principio da historia. Como informou Praza.gal, o freo das reválidas é unha prioridades para ANPAS e sindicatos nas escolas galegas, sen esquecer a "imposición" de novos libros de texto, a ampliación do rango académico da relixión ou os novos obstáculos para o ensino en lingua galega. "Haberá que desmempoar as camisolas" e volver ás mobilizacións, advertían o pasado setembro. Mentres, no Congreso, o acordo contra a LOMCE non ten trazas de poder tornar en realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario