A Universidade de Santiago é a oitava do mundo en impacto das súas publicacións no eido das matemáticas.
Matemáticos/as de España e Portugal reúnense esta semana no VI Encontro Ibérico de Matemáticas, congreso bienal que organizan a Real Sociedad Matemática Española (RSME) e a Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM) dende 2007.Esta iniciativa conxunta ten por obxectivo o desenvolvemento e novos proxectos e liñas de traballo entre matemáticos e grupos de investigación de ambos os dous países, tanto en áreas emerxentes como consolidadas a través dunha máxima interacción e intercambio de ideas que propicie a cooperación científica entre os matemáticos/as da península Ibérica.O encontro inaugurouse este xoves na Facultade de compostelá nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que ademais participaron o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a decana da Facultade, Victoria Otero; o vicepresidente da Sociedade Portuguesa de Matemáticas, Adérito Araújo; e o presidente da súa homóloga en España, Francsico Marcellán. A continuación, Eduardo Sáenz de Cabezón pronunciou a conferencia de apertura ‘Números grandes, enormes e descomunais’, á que asistiron numerosos estudantes da facultade.
Ademais, se ben recoñeceu Viaño que o desenvolvemento espectacular da matemática en España “non se viu acompañado pola transferencia ao sector produtivo na mesma proporción” aclarou que neste ámbito Galicia é “unha excepción” e a matemática industrial galega “un referente en España e Europa”.
Pola súa banda, o presidente da RSME, Francisco Marcellán, resaltou a longa tradición de relacións científicas entre as comunidades matemáticas española e portuguesa. “Durante os anos setenta e oitenta do pasado século tiveron lugar as Xornadas Matemáticas Hispano-Lusas, que contribuíron a afianzar relacións entre grupos de investigadores nuns momentos nos que se iniciaba a inmersión na actividade matemática internacional en ambos os dous países tras uns anos escuros de autoensimismamento científico e escasa proxección cualitativa no contexto mundial”, dixo.
Os matemáticos españois e lusos estudan neste encontro proxectos conxuntos“O impulso á educación superior tanto en Portugal como en España –prosegue Marcellán–, coa creación de centros universitarios, pero tamén as decididas e innovadoras políticas gobernamentais para o apoio á ciencia e a tecnoloxía, permitiron un notable incremento no número de investigadores, así como a consolidación de grupos en torno a áreas temáticas”.
Na mesma liña se pronunciou Adérito Araújo, para quen “nun mundo cada vez máis globalizado” a Península Ibérica estase convertendo “nun punto de referencia de coñecemento científico”. De feito, como apuntou a presidenta da Comisión Profesional da RSME e responsable da organización do encontro, Victoria Otero Espinar, “os resultados deste congreso axudarán a definir e desenvolver novos métodos e técnicas matemáticas que darán lugar a innovacións nos sector tecnolóxico”.
Pola súa banda, o alcalde, que lle deu a benvida a Compostela aos participantes, manifestou que as institucións “teñen a obriga de apoiar aquelas entidades públicas de calquera tipo que prestixian a cidade”.
O formato utilizado en cada edición estrutúrase en tres áreas científicas, nas que se combinan tanto enfoques teóricos como aplicados. Nesta ocasión discutiranse cuestións relacionadas con álxebra e combinatoria, con ecuacións diferenciais parciais aplicadas a fluídos e materiais e con informática teórica e ciencias da computación. En cada unha destas áreas impartiranse dúas conferencias plenarias e unha sesión especial na que intervirán conferenciantes convidados e desenvolveranse charlas e comunicacións breves. Esta organización permitirá expoñer as experiencias e resultados de investigadores/as, co obxectivo de favorecer e fomentar novas liñas de traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario