xoves, 6 de outubro de 2016

Ferrol impulsa unhas xornadas para que o galego “saia do armario”

Será unha homenaxe ás Irmandades da Fala e ao ex rexedor ferrolán Xaime Quintanilla. Celebrarase todos os sábados de outubro o roteiro “Ferrol coas Irmandades da Fala”.

Congreso Extraordinario Terra de Trasancos: Toxos, Ferrol e as Irmandades da Fala. Esta é a aposta do Concello de Ferrol para os vindeiros 28 e 29 de outubro que, entre os seus principais obxectivos, quere que “Ferrol e a lingua galega  saia un pouco do armario, por dicilo dun xeito coloquial”. O congreso pivotará sobre todo no papel do coro nas Irmandades mais tamén inclúe unha homenaxe ao ex alcalde ferrolán Xaime Quintanilla.
A concelleira de Mocidade e Universidade, Saínza Ruíz, o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, o secretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, e o presidente do Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas, presentaron este congreso que pretende reivindicar o papel das Irmandades da Fala no centenario do seu nacemento e do rexedor Xaime Quintanilla a prol da normalización do idioma.
O concelleiro de Cultura salientou o Congreso como unha actividade que destaca por riba das demais neste ano adicado á efeméride das Irmandades. Arturo Lamas, como presidente do coro, coincidiu con Basterrechea na importancia do carácter científico do Congreso e agradeceu o traballo tanto do concello como da RAG para poder sacalo adiante.
Henrique Monteagudo, como secretario da RAG, fixo especial fincapé na parte da homenaxe ao ex alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla, do que salientou o seu papel de “intersección entre a corrente socialista e a galeguista, algo moi novidoso naquela época”.
Neste sentido, anunciou que o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, asistirá non só á conferencia inaugural do Congreso senón tamén á mesa de debate adicada ao ex alcalde. Asemade, informou sobre unha mesa adicada á Edición e Ilustración gráfica nas publicacións nos tempos das Irmandades, na que participarán María Teresa Carvalho-Calero Ramos (Catedrática de Historia da Arte), Pepe Barro (Ilustrador Gráfico) e Siro López (debuxante e caricaturista).
As inscricións son gratuitas e o número de prazas ao redor de 100 persoas, toda vez que vai ter lugar no local do coro e esa é a súa capacidade. O programa está conformado por mesas redondas, charlas e as devanditas aportacións dos investigadores que queiran aportar os seus traballos e pode consultarse na páxina web do coro www.toxosefroles.com
Roteiro
Noutra orde de cousas, dende o concello lémbrase que este sábado celebrarase o segundo roteiro organizado dende a concellería de Normalización Lingüística: Ferrol coas Irmandades da Fala, que se repetirá todos os sábados do mes de outubro a partir das 17.00 h con saída dende a Praza de Amboaxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario