As eleccións que tiveron lugar en Galiza hai dúas semanas veñen abrir un novo ciclo de catro anos máis de goberno do PP na Xunta da man de Feijoó. Como queira que unha verdade non deixa de selo por repetila unha e outra vez (ao contrario cás mentiras), dende o STEG xulgamos que a incidencia sobre o ensino público pode ser moi negativa, polo que redundamos nos "argumentos" que veu usando o goberno da anterior lexislatura, isto é:
-
máis peches de escolas do rural, aos que debemos sumar a non optatividade nos seus centros de secundaria coa excusa da escasa demanda, debilitando aínda máis un eido especialmente castigado por esta estafa chamada crise e polos actuais modelos de crecemento.
- máis recortes brutais de profesorado, que minguou en case dous mil profesionais dende a chegada ao goberno da Xunta do señor Núñez Feijoó en dous mil nove.
-
a alarmante diminución nas axudas á promoción da normalización do galego, que deriva nun uso menor do mesmo, incidindo no proceso de substitución lingüística e de desaparición da nosa lingua.
-
máis trasvase de mans públicas a entidades privadas da xestión dos comedores escolares e doutros servizos complementarios.
- máis perda de autonomía dos centros ao abeiro dos postulados da LOMCE.
-
máis desleixo pola atención á diversidade, que se resume no feito de que as prazas de orientación cada vez veñan con máis afíns, no camiño de converter unha área fundamental nun caixón de-sastre.
- máis apoio aos centros que segregan por sexo.
- máis diminución de dereitos das traballadoras e traballadores do ensino público.
-
máis exclusión por parte do alumnado máis desfavorecido e como exemplo, ńo nefasto da implantación da FP básica, situación que o STEG vén denunciando como ilustrativa do que a LOMCE promove: a exclusión do ensino público daquelas persoas con máis dificultades.
-
a “obrigatoriedade” de cursar relixión en Bacharelato, pois na práctica é moi difícil escoller materias optativas á mesma. Nesta liña, o paradoxo é que disciplinas fundamentais como a música, a filosofía ou os contidos humanísticos son elementos case residuais na LOMCE.
-
O mantemento dun "moderado déficit público" en Galiza a costa de non pagar os complementos das pagas extras ao funcionariado e de non pagar ás persoas substitutas que traballan máis de cinco meses e medio o que lles corresponde normativamente.
-
O aumento exponencial do traballo en precario (interinidades e substitucións) durante as dúas últimas lexislaturas.
- Abrir a porta aos concertos nas etapas non obrigatorias
En definitiva, o goberno electo de Feijoó previsibelmente podería
xulgar que os resultados electorais acadados significan na práctica carta branca
ou refrendo dabondo para afondar nas políticas que viñeron practicando
durante este tempo, orientadas a debilitar o ensino público a través
da diminución de recursos humanos e económicos, o aumento da
participación de capitais e entidades privadas en servizos asociados ao
mesmo, a demolición dos exigüos avances acadados na promoción da
lingua galega en nome da proclamada "liberdade lingüística" e todo, cun
fin ben claro: facilitar a flutuación do alumnado e do profesorado do
ensino público ao ensino privado, promovendo máis investimento neste
último ao abeiro da ideoloxía neoliberal (que non entende de dereitos
da cidadanía, nin de cohesión social, nin do Estado de Benestar), para
finalmente substituir a xestión pública do ensino pola privada.
Finalmente e neste contexto, que en termos globais do ensino supón a
substitución do paradigma educativo, pasando dunha concepción humanista a
unha concepción instrumental e finalista do mesmo, orientada
claramente ao mercado de traballo e ao non cuestionamento crítico do
estado de cousas, a actividade do STEG na defensa das traballadoras e
traballadores (coma a meirande parte de organizacións sindicais) impónse
como fundamental diante desta ofensa neoliberal, conservadora e
relixiosa asociada aos grandes capitais. E faino en varias vías:
- na defensa dos seus dereitos
- na denuncia nos foros onde o STEG teña voz das prácticas abusivas ou incorrectas por parte da Administración ou da autoridade.
-
no espallamento dos nosos valores e da nosa concepción do que debe ser o ensino público, favorecendo a toma de conciencia por parte dos diferentes elementos da comunidade educativa.
-
como elemento discursivo de reequilibrio que veña romper co discurso oficial e gañador do nunca estivemos mellor da dereita política, económica, mediática e cidadá.
A existencia do STEG
é unha necesidade porque moita xente demanda unha transformación cara
algo distinto e de aí a importancia do discurso diferente neste país,
que xa parece a "Casa tomada" daquel conto do Cortázar, en que describía
a anguria dos habitantes dunha casa diante do avance dunha ameaza
estraña e indeterminada, que os ía acurralando ata quedaren sen saída.
É probábel que o éxito do conto de Cortázar, coma o deste goberno do PP na Xunta recentemente elixido sexa precisamente ese: facernos crer que non hai saída posíbel.
Pero isto, coma o de Cortazar, é un conto. E ao contrario que nel, nós si sabemos quen é a ameaza.
É probábel que o éxito do conto de Cortázar, coma o deste goberno do PP na Xunta recentemente elixido sexa precisamente ese: facernos crer que non hai saída posíbel.
Pero isto, coma o de Cortazar, é un conto. E ao contrario que nel, nós si sabemos quen é a ameaza.
De todas nós e da nosa implicación no camiño de mudar as cousas no ámbito e radio de acción de cadaquén, está a chave para escribir un relato distinto deste.
Ningún comentario:
Publicar un comentario