O matemático francés Cédric Villani, Medalla Fields en 2010, está de visita en Santiago convidado polo Programa ConCiencia da USC.
“As maiores revolucións científicas veñen do sector público, no que se traballa mellor sen estar tan permanentemente pendentes das presións das empresas”. Malia que considera importante que a ciencia atope parceiros no eido privado, o matemático gañador da Medalla Fields en 2010 –o equivalente ao Nobel en matemáticas–, Cédric Villani, avoga por que sexa o Estado o que dispoña mecanismos para protexer esa ciencia e “controlar” así o seu bo uso.Villani, que se atopa en Santiago de Compostela convidado polo Programa ConCiencia da USC, participou na mañá do luns nun encontro con xornalistas, e lembrou que el foi un dos seis científicos franceses autores dunha carta dirixida ao presidente Hollande en rexeitamento dos fortes recortes anunciados polo goberno francés na partida destinada a ciencia e investigación. “E gañamos,–dixo–, e o goberno tivo que dar marcha atrás no seu propósito”.
“É importante que a xuventude entenda a transcendencia da ciencia”A este respecto, sinalou o paradoxo que supón que por un lado haxa unha cada vez maior demanda de ciencia por parte das empresas pero que ao tempo exista unha “falla de vocacións científicas”. “Por iso –proseguiu– é importante a divulgación científica, que a xuventude entenda a transcendencia da ciencia, a orixe de todo”.
Precisamente, para que os nenos e nenas se impliquen nesa materia Villani mostrouse partidario dos deberes, consciente do debate que se está producindo sobre esta cuestión en España. “Creo nas tarefas fóra do colexio porque creo na cultura do esforzo, na disciplina”. Puntualizaba, iso si, que esa cultura do esforzo debía ir acompañada de mecanismos nos que se anime ao estudante, “como en Estados Unidos”, e non nos que se prime o castigo, “unha tendencia asentada en Europa”.
O acto central do programa, que conta nesta ocasión co profesor Alfredo Bermúdez de Castro como padriño, celebrouse na tarde do luns, coa conferencia ‘De triángulos, gases, prezos e homes’ que pronunciou no Auditorio Abanca. No acto, Villani contou a historia de tres problemas matemáticos, que veñen respectivamente da xeometría, da física estatística e da economía, e que se xuntan dun xeito inesperado e produtivo. Aproveitou ademais para evocar grandes teorías e persoas e o xeito no que vai o progreso matemático. Pola mañá, ademais do encontro cos medios de comunicación, Cédric Villani mantivo unha xuntanza co reitor Juan Viaño e outra con investigadores na Facultade de Matemáticas.
Nado no seo dunha familia de universitarios e artistas, Villani ingresa aos 16 anos no prestixioso instituto Louis-le-Grand e en 1992 consegue entrar co número 4 na École Normale Supérieure de Paris onde se especializa en matemáticas. Dous anos máis tarde comeza a súa tese de doutoramento baixo a dirección da Medalla Fields Pierre-Louis Lions, fillo de Jacques-Louis Lions, que foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.
Villani é director do Institut Henri Poincaré desde 2009Finalmente, en 1998 presenta a súa tese doutoral na que estuda as colisións rasantes nos gases e o aumento da entropía segundo a teoría de Boltzmann. Dous anos despois consegue a cátedra na École Normale Supérieure de Lyon. Tras ser nomeado director do famoso Institut Henri Poincaré en 2009, obtén a Medalla Fields en 2010 “polas súas demostracións do amortiguamento non lineal de Landau e a converxencia ao equilibrio da ecuación de Boltzmann” e é elixido membro da Académie des Sciences de Paris en 2013.
Cédric Villani traballa nas ecuacións en derivadas parciais que aparecen na física estatística; concretamente na ecuación de Boltzmann que describe o comportamento estatístico dun sistema termodinámico fóra do equilibrio. Outro dos seus temas de estudo é a teoría do transporte óptimo, formulada en torno a un problema proposto no século XVIII polo matemático francés Monge. Cabe destacar tamén, pola súa orixinalidade, a aplicación de métodos de xeometría diferencial aos temas anteriores; en particular, a relación da curvatura de Ricci co transporte óptimo e a entropía.
Villani é un científico comprometido coa sociedade, que dedica parte do seu tempo á comunicación e divulgación científica, participa en documentais sobre o impacto das matemáticas na sociedade actual ou, entre outras cousas, promove cine-clubes onde debate con outros científicos sobre a representación da ciencia e a investigación no cinema ou a relación entre ciencia e arte.
Acumula una abondosa colección de importantes premios. Á Medalla Fields hai que sumarlle os premios Louis Armand de l’Académie des Sciences de Paris en 2001, o da European Mathematical Society en 2008 ou os Fermat e Henri Poincaré en 2009.
https://youtu.be/buVEPmWN13M
Ningún comentario:
Publicar un comentario