A exclusión do galego na atención telefónica provoca deslocalización e despedimentos
Marcos Maceira: “Reclamar galego na atención telefónica é reclamar emprego en Galiza”.
A firma de atención telefónica Extel ven
de comunicar aos representantes dos traballadores que o Expediente de
Regulación de Emprego (ERE) de extinción da compañía afectará a 355
traballadores. A maior parte desas baixas, 205, corresponde ao centro da
Coruña.
Despois de dúas semanas de incerteza
desde que a compañía Adecco anunciase o inicio dun expediente de
redución de emprego nas cinco plataformas da súa filial no Estado
español, esta semana a empresa comunicou finalmente aos sindicatos o
número de postos de traballo afectados en Galiza.
Serán 205 en total, dos 950 que conforman o persoal, dedicada a atender o servizo 1004 de información ao cliente de Movistar.
Este ERE responde a unha clara
estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de
Galicia e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa
comezaron a atender as chamadas.
Na última década os centros de atención á
clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o
servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as
grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de
atención cara a terceiros países. En Galiza pasaron de 7433 postos de
traballo en 2010 a 5393 en 2012.
No noso caso, esta deslocalización
agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais e a
exclusión e mesmo prohibición de uso do galego ás traballadoras e
traballadoras, sen opción mínima de escolleren as usuarias ou usuarios.
Pecharon centros de traballo na Galiza e
o emprego foi levado a outras partes do Estado. Entre o ano 2010 e 2012
destruíronse máis de 2040 postos de traballo e 100.000 galegos e
galegas foron obrigados a emigrar pola perda de emprego na nosa terra.
Segundo sinalou o presidente da Mesa
pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “destrúese emprego e o
noso idioma perde un espazo común de grande importancia, o da relación
entre nós e as empresas. Ao mesmo tempo vulnérase o dereito de sermos
atendidos/as e entendidos/as na nosa lingua, que estas empresas
ignoran”.
Nas concentración convocadas hoxe polas
traballadoras e traballadores de Extel na Coruña, participou a
responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña, Celia
Armas, que reivindicou a relación entre o uso da lingua e o emprego na
comarca afirmando que “ao solicitarmos ser atendidos e atendidas en
galego polas grandes empresas podemos recuperar o perdido. Temos dereito
a falar a nosa lingua en todos os ámbitos da nosa vida. En galego,
creamos emprego en Galiza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario