venres, 11 de xullo de 2014

Teñen que devolver os cartos os colexios que segregan por sexo?

Os cinco colexios privados, catro deles dunha empresa do Opus Dei, que veñen beneficiándose de concertos educativos da Xunta reciben, en conxunto, uns 3 millóns de euros ao ano, segundo cálculos sindicais. Segundo a sentenza que vén de ditar o Tribunal Supremo a instancias da CIG-Ensino esas achegas económicas foron ilegais mentres estivo en vigor a Lei Orgánica de Educación (LOE), que prohibía a discriminación por razón de sexo na admisión do alumnado. Malia esa colisión coa lei, que tamén observou o TSXG, o Goberno galego estableceu os concertos en 2009 e volveuno facer en 2013 nunha orde que tamén está pendente de resolución xudicial. Neste punto, e con independencia de que a vixente LOMCE permita este financiamento dende o 30 de decembro do ano pasado, a pregunta que xorde é se os colexios deben devolver os cartos que, segundo o Supremo, cobraron por unha resolución ilegal.
Dado que a sentenza do alto tribunal non especifica se isto debe suceder -limítase a anular a orde e a sinalar que non é posible asignar fondos públicos contra o criterio legal- a devolución ou non préstase a interpretacións, cando menos polo momento. O primeira en considerar que ese retorno ao erario se debe realizar foi o sindicato impulsor da demanda, que cifra en 12 millóns as "cantidades indebidamente percibidas polas empresas Fomento de Centros de Enseñanza e Asociación Fontenova" entre 2009 e 2012. A Xunta, di o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, "ten o deber de recuperar" os cartos "e reintegralos á Facenda Pública".
A CIG-Ensino e a oposición apelan á Lei de Réxime Financeiro para esixir que os fondos retornen ás arcas públicas
Esta afirmación, di Louzao, susténtase na Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia. Nomeadamente, no artigo 78 desa lei explícase que deben ser devoltas as cantidades "da subvención ou axuda pública" que sexa obxecto dunha "declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer nas causas previstas" na lei 30/92 de réxime xurídico das Administracións públicas. A ambas leis apelan tamén os deputados de AGE Ramón Vázquez e Xabier Ron, que lembran que a anulación das ordes se sustenta no artigo da LOE que impide a discriminación do alumnado por razón de sexo, o cal "se fundamenta no precepto constitucional que impide a discriminación por razón de sexo". A inconstitucionalidade, subliñan, é unha das causas que recolle a lei 30/92 nun contexto no que, lembran, a Consellería de Educación acumula 16 ditames xudiciais contra as súas políticas.

Feijóo pon o foco en PSdeG e BNG

Mentres, no Parlamento, o BNG tamén reclama a devolución dos cartos e a dimisión do conselleiro de Educación, cesamento tamén reclamado polo PSdeG, o presidente da Xunta evita pronunciarse sobre se procede ou non a devolución dos cartos e pon o foco, precisamente, en socialistas e nacionalistas. Tras a reunión semanal do Consello da Xunta e a preguntas da prensa Alberto Núñez Feijóo aferrouse ás sentenzas do TSXG que noutrora avalaron os concertos agora anulados e, sobre todo, a que estes colexios recibiron financiamento público durante boa parte do mandato do Goberno bipartito, se ben a Consellería que daquela dirixía o PSdeG acabou anulándoos e foi o PP o que os recuperou ao retornar ao poder en 2009.
O presidente da Xunta evita aclarar se pedirán a devolución dos cartos
Segundo o presidente da Xunta estas formacións "critican o conselleiro por facer o mesmo que fixeron eles", cando o que "hai que lembrar" é que "mantiveron os concertos". "Nós cumprimos a lei sempre -asegura- e cando hai unha cuestión que non é conforme a esa lei, de acordo cun tribunal aínda que mude a opinión doutros tribunais, seguirémola cumprindo". "Cumprimos cando non se pudo en cuestión durante décadas e todos os gobernos" financiaron estes colexios e tamén, afirma, "a cumprimos cando se cuestionou parcialmente" este financiamento.
Pero, propiciarán a devolución dos cartos ás arcas da Xunta? "Cumpriremos exactamente o que a sentenza di", reitera, e se esta "di que hai que devolver, solicitaremos a devolución". "Se non aclara ese asunto", como así sucede, "solicitarase aclaración das sentenzas". "Cumprimos as sentenzas porque cremos no ordenamento xurídico e que os partidos e os gobernos temos que someternos á lei", asegura, nun contexto no que afirma que o Goberno fixo o propio cando o TSXG anulou parte do denominado decreto do plurilingüismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario