venres, 4 de xullo de 2014

Anpas Galegas opóñense á apertura de “comedores para pobres”

As Asociacións de Nais e Pais Galegas veñen de posicionarse en contra da apertura no verán de “comedores para pobres”. Reclaman, pola contra, ás administracións que dean cobertura ás necesidades sociais cunha visión seria e rigorosa.  

Opóñense á apertura de "comedores para pobres”, ben sexa nos centros de ensino ou para persoas maiores. Anpas Galegas esixen, pola contra, que as administracións proporcionen cobertura ás necesidades sociais con rigor e seriedade, cunha visión a longo prazo que “pasa necesariamente polo cambio de modelo económico-social que estamos a soportar nestes últimos anos”.
Pais e nais queren que se solucionen as necesidades de nenos e nenas e desbotar a posibilidade da fame, unha realidade á que xa non estabamos afeitos mais que regresa despois de anos de crise económica. Sen embargo, apostan a que coman  “nun espazo socialmente protexido e familiarmente amable como pode ser a propia casa, coa seguridade de que todos os seus están tamén comendo, sen ser levado a un lugar onde, de xeito extemporáneo, poderá ser xulgado, diferenciado, clasificado e, finalmente socialmente excluído”, sinalan.
“Calquera resposta que se dea ao problema debe ter moi presente o respecto á dignidade dos individuos, á súa privacidade e intimidade"
A través dun comunicado reclaman das administracións que as accións que se desenvolvan encamiñadas a paliar as necesidades deben ter “unha proxección a medio e longo prazo”, xa que ás que só se pensan a curto prazo son simple beneficencia e non solucionan ningún problema real”.
Dignidade e intimidade
Anpas Galegas, a través do seu vicepresidente Fernando Lacaci entende o crítico da situación actual , cada vez con máis desigualdades e con maiores urxencias sociais, en especial, as derivadas de casos de necesidades básicas e a aparición da fame infantil. Responsabilizan aos gobernos galego e español das necesidades económicas que se están a denunciar, consecuencia, segundo din, das políticas aplicadas polo PP nos últimos anos.
Para nais e pais do alumnado “calquera resposta que se dea ao problema debe ter moi presente o respecto á dignidade dos individuos, á súa privacidade e intimidade. A atención ás necesidades básicas da infancia debe facerse dentro dun tratamento integral das súas familias, que son o seu lugar de abrigo e referencia, e o seu ámbito espacial e emocional”.
Afirman tamén que o ámbito educativo non é onde se ten que producir este debate xa que, ao seu ver, o problema é “social”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario