venres, 4 de xullo de 2014

O concello que non entende galego porque quen atende é unha empresa de Madrid

Á Mesa pola Normalización Lingüística non lle convence á explicación do alcalde do Carballiño que afirmou que non entenden o galego porque quen leva o servizo de atención pública é unha empresa de Madrid. Pide que rescinda o seu contrato. 

O número aparece como o do Concello do Carballiño, en Ourense. Cando se chama, a persoa que atende confesa que non entende o galego. A Mesa denuncia a ilegalidade do servizo de atención ao público e recibe como resposta do alcalde que o episodio se explica porque quen leva a xestión é unha empresa de atención telefónica de Madrid. A MNL esixe que se lle rescinda o contrato á empresa que xestiona o servizo de atención tributaria do Concello.
 “Ademais de incumprir de xeito flagrante a lexislación, se non é capaz de entender o galego non pode prestar atención de calidade" defende o presidente da MNL, Marcos Maceira que esixe para a cidadanía do Carballiño un servizo que entenda a lingua dos veciños e veciñas.
Dereitos conculcados, explicación insuficiente
A asociación que defende os dereitos lingüísticos presentou unha queixa diante do Concello pola vulneración dos dereitos lingüísticos que recibiran por parte dun cidadán que usou o servizo telefónico e se atopou con que se negaban a atendelo na súa lingua. Despois de se facer pública a denuncia, o alcalde do Carballiño, Marnotes, explicou que non se trataba dun empregado do Concello senón da empresa contratada para o cobro dos impostos e as taxas municipais.
Defende a Mesa o dereito a cidadanía a ser atendida na súa propia lingua e a obriga da administración a coñecela. “Ten dereito a que o atendan e o entendan na súa lingua, entre outras cuestións de sentido común porque así o di a lei. Quen está ao outro lado do teléfono está representando o Concello nun acto administrativo, independentemente de se é funcionario, bolseiro ou un call center subcontratado en Xibraltar”, apuntan.
“Que Marnotes decidise precarizar o servizo de atención tributaria subcontratando unha empresa incapaz de atender ás e aos galegofalantes non lle resta responsabilidade ao Concello neste caso, máis ben ao contrario, nin xustifica que se vulneren os dereitos lingüísticos da cidadanía”, denuncia Marcos Maceira ao insistir na reclamación de que o Concello rescinda o contrato á empresa ou, como mínimo, esixirlle que cumpran a legalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario