venres, 4 de xullo de 2014

A Xunta recortou 5.000 profesionais no ensino e no Sergas dende 2010

A finais de xullo de 2009 Alberto Núñez Feijóo convocou a prensa no salón nobre do Pazo de Raxoi. Ante os seus dez conselleiros e conselleiras -o "goberno dez", en verbas do propio titular do Executivo- o presidente da Xunta autoavaliou os primeiros cen días do seu Goberno, reiterando a aposta pola "austeridade" e a "unión" fronte á "división" que, reiteraba, caracterizara a coalición de PSdeG e BNG. Naquel acto o líder da dereita en Galicia reiterou que todo o seu roteiro tiña un obxectivo último: "A administración debe gastar menos en si mesma e máis nos cidadáns", insistiu. Mentres Feijóo pronunciaba estas verbas o seu Goberno xa comezara a recortar persoal en dous dos ámbitos máis sensibles da atención a esa cidadanía: a sanidade e a educación.
A Secretaría de Estado de Administracións Públicas, dependente do Ministerio de Facenda, vén de publicar o seu boletín estatístico de persoal, no que debulla os e as profesionais que traballan para as diferentes Administracións por todo o territorio estatal, tamén fixándose en cada autonomía. Segundo as cifras do departamento que dirixe Cristóbal Montoro dende o ano 2010, o primeiro no que a Xunta traballou cuns Orzamentos elaborados polo gabinete popular de Feijóo, Galicia perdeu un total de 5.007 traballadoras e traballadoras no ensino non universitario e no Servizo Galego de Saúde.
A redución afecta especialmente á educación, con 4.026 docentes menos que no ano 2010
Cando entraron en vigor as primeiras contas públicas do PP no seu retorno ao poder a Consellería de Educación tiña 38.151 docentes nas aulas non universitarias e a sanidade pública galega dispuña de 33.966 efectivos. Eran, naquela altura, case 3.000 docentes máis que un ano antes e 1.100 persoas menos no cadro de persoal sanitario. Dende ese momento os cadros de persoal comezaron a baixar en Educación, que xa prescindira de case 3.000 docentes, mentres que Sanidade incrementara o plantel nuns 1.000 traballadores e traballadoras.
No derradeiro ano do primeiro mandato de Feijóo, o 2012, a tendencia continuou no ensino e comezou na sanidade. Galicia contaba xa con 3.600 docentes menos nas aulas non universitarias e o cadro sanitario mermara en 168 profesionais. Tras revalidar a maioría absoluta a tesoira seguiu funcionando e levou por diante 400 persoas no ensino e outras tantas na sanidade. Segundo o informe máis recente no comezo de 2014 o recorte no ensino chegaba xa ás 4.026 persoas e no Sergas, ás 981.

Máis persoal nas consellerías

Os datos de Administracións Públicas non só certifican o recorte social da Xunta tamén no ámbito do persoal, senón que contradín a máxima pronunciada por Feijóo naquel balance de 100 días de Goberno, toda vez que mentres que educación e sanidade perden efectivos as consellerías gáñanos, aínda que sexa cun leve incremento. No inicio do período analizado, en 2010, as consellerías dispuñan de 16.318 persoas e a súa cantidade diminuíu un ano despois, ata 16.220. Non obstante, no derradeiro ano da lexislatura, en 2012, aumentaron ata as 16.855.
A Xunta ten en 2014 máis persoal nas consellerías que no último ano do bipartito
O 2013, segundo estes informes, foi o ano de goberno de Feijóo con máis persoal nas consellerías, un total de 17.011 efectivos. A comezos de 2014 este cadro de persoal era de 16.666 homes e mulleres, 348 máis que en 2010, e 333 máis que en xaneiro de 2009, aínda co bipartito na Xunta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario