luns, 21 de xullo de 2014

As universidades critican que a Xunta ignore a súa axuda contra a caída do uso do galego no ensino

As tres universidades galegas veñen de difundir un comunicado conxunto no que, tras alertar da "escasísima presenza do galego como lingua vehicular" no ámbito urbano critican que a Xunta ignore a súa axuda contra a caída do uso do galego no ensino. Sinalan que o Goberno galego non respondeu a súa proposta de colaboración para avaliar cientificamente os resultados da aplicación do Decreto de Plurilingüismo.
Sinalan que o Goberno galego non respondeu a súa proposta de colaboración para avaliar cientificamente os resultados da aplicación do Decreto de Plurilingüismo
No documento, os membros da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística (CIPL) lembran que o pasado ano lle propuxeron á Xunta de Galicia a constitución dunha comisión mixta de traballo para actualizar o Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario, como consecuencia da anulación xudicial de varios dos seus preceptos. As tres universidades consideraban "que os nosos equipos de investigación  poderían contribuir decisivamente, desde a independencia e alta cualificación técnica da que dispoñen, á avaliación seria, transparente e rigorosa dos resultados da aplicación do Decreto". Unha avaliación prevista na disposición adicional quinta do propio Decreto 79/2010 como paso previo á súa actualización. Porén, as tres universidades sinalan que "non recibimos resposta até o día de hoxe".
Subliñan que "as razóns que nos levaron en 2013 a ofrecer a nosa leal colaboración institucional á Xunta de Galicia para avaliar cientificamente o cumprimento da legalidade vixente son a día de hoxe ainda máis prementes, vistos os síntomas de aparente retroceso que experimentou o uso do galego no nivel máis decisivo (educación infantil e primaria) para unha correcta formación das novas xeracións de nenos e nenas na nosa lingua propia". E conclúen que "non poden existir motivos para que o goberno galego incumpra a obriga de avaliación que establece a propia legalidade vixente" e que "ningunha política pública pode construirse seriamente sen unha científica e transparente avaliación dos resultados derivados da súa aplicación". O documento, asinado polos responsables de normalización lingüística das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, péchase reiterando "a nosa oferta de colaboración institucional á Xunta de Galicia neste ámbito".

Ningún comentario:

Publicar un comentario