xoves, 3 de xullo de 2014

As notas de Froilán e o ensino privado

educaA súa alteza real dona Elena María Isabel Dominica de Silos, infanta de España, duquesa de Lugo, e a máis incorrupta das dúas fillas do rei cesante, tivo que tomar esta semana unha dolorosa decisión: encerrar a Froilán de Todos los Santos nun internado de curas por Sigüenza, onde a estatua do doncel. Non se me ocorre castigo máis visigótico para un adolescente. É o que ten levar título de cabaleiro divisero, nova excelencia.
Dóeme desvelar a razón deste cruel encerro, mais non é outra que a escasa aplicación do quinceañero Borbón aos estudos. Froilán xa repetiu un curso da ESO e, como non esperte, xamais vai chegar a ser como Napoleón, como o seu tío El Preparao, ou como Pablo Iglesias. En ascuas está o pobo español ante a perspectiva, non tan irreal, de chegar a coroar un rei que non ten nin a ESO Que deslustre para a inmarcesible marca España.
Dicir, en descargo do rapaz, que non tivo unha infancia doada nin exenta de tribulacións. Superando os máis desventurados orfos de Dickens, Froilán naceu fillo, sobriño e neto de familias desestruturadas ou algo excéntricos. O seu pai vestía como Beau Brummel e montaba en patinete. A súa nai abandonábao coa escusa de inaugurar hospitais baratos para os pobres. O seu avó asasinaba os máis belos elefantes, a avoa non paraba de cantaruxar a Baremboim, e os tiítos deambulaban constantemente polas leas de corrupción dos telexornais. Ao final, como todo o mundo sabe, o pobre Froilán pegouse un tiro no pé. Eu tería feito o mesmo. Vaia familia. Como non vai cargar todo?
Felipe Juan Froilán de Todos los Santos de Marichalar e Borbón é, como tantos outros menores, cuarto na liña de sucesión ao trono español e vítima dunhas circunstancias familiares moi escabrosas. Eu propoño rescatalo da súa estraña familia e dos seus eximios e incompetentes profesores, e mandalo a estudar a pública. Veredes, altezas do pobo, como mellora.
Digo isto así, demagogeando, porque o fracaso escolar de Froilán me parece sólida evidencia de que o ensino privado é peor e máis caro que a pública. Se os profesores privados máis doutos e caros de España non son capaces de educar un futuro rei de quince anos, quizais haxa que reformular a eficacia do ensino privado en xeral, deixar de subvencionárselle co público, e arrebatar das ignaras fauces sacerdotais aos pequenos estudantes hijosdalgo.
Porque, analizando os últimos sucesos, un propende a pensar que a educación borbónica e eclesial que están a recibir nenos desvalidos como Froilán pode resumirse nunha soa frase de Maquiavelo: "Se a forza principal, sexa o pobo, o exército ou a nobreza, que vos parece máis útil e conveniente, para a conservación da vosa dignidade está corrompida, debedes rirlle as grazas e desculpala. A honradez e a virtude, nestes casos, son perniciosas.
O pobre rapaz converteuse noutro problema de Estado. En Pazo están que trinan. En pleno vórtice da abdicación, a coroación, as manifestacións, os votos republicanos, as cargas policiais, a visita ao Papa, e o da Cristinita, vai o gandulo de Froilán e carga todo. Se é que, dun tempo a esta parte, todo é desgracia en Borbonia.
A pesar das súas coitas, eu creo que Froilán é hoxe o único Borbón do que non desconfían, e ao que máis aprecian, os españois. A golpe de trending topic, foise forxando un carisma que seduce mesmo os republicanos e os anarquistas. Sobre todo aos anarquistas.
En resumo, que parece ata un rapaz normal, e os españois estamos a consentir que o corrompan entre ritos católico-castrenses e armas de fogo que non traen máis que desgracias, como a do pé. Eu creo que a Marea Verde debería mobilizarse por unha educación pública, gratuíta e digna para Froilán de Todos los Santos. Cada día merécea máis, o rapaz. A pesar das notas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario