mércores, 2 de xullo de 2014

Os sindicatos piden a dimisión do conselleiro de Educación pola súa actuación no concurso de traslados

A Consellaría viuse obrigada a acatar a sentenza do xulgado contencioso-administrativo número 2 de Santiago, que anula as modificacións introducidas no concurso de traslado de mestres, nomeadamente a puntuación que merecía o tempo traballado como interino, é dicir, os anos previos a contar cunha praza de funcionario ou funcionaria. A sentenza obrigará a baremar de novo milleiros de mestres e implica que centos de mestres e mestras que xa tiñan asignado un novo destino para o vindeiro curso terán agora que agardar a unha nova resolución. No concurso participaron 8.000 docentes, dos que 1.673 obtiveron un novo destino. As previsións de Educación son que a corrección da baremación afecte ao 20% dos que tiveron estes novos destinos.
A sentenza obrigará a baremar de novo milleiros de mestres e implica que centos de mestres e mestras que xa tiñan asignado un novo destino para o vindeiro curso terán agora que agardar a unha nova resolución
A situación xerou críticas nos principais sindicatos, CIG, CCOO e UGT, que cualifican de "irresponsable" e "neglixente" a Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, do que reclaman a súa dimisión, así coma a do director xeral de Centros. Para a CIG, "a actitude mantida pola Consellaría de Educación neste proceso roza o esperpento e supón unha desconsideración total do profesorado, continuando a alimentar o enfrontamento entre colectivos". O sindicato nacionalista cualifica de "irresponsabilidade absoluta" que a Consellaría de Educación tomase unilateralmente a decisión de convocar este Concurso de Traslados en que participaron preto de 8000 profesores "en base a unha normativa que xerou controversia desde o primeiro momento" e lembra que "xa naquel momento había convocatorias do concurso de traslados que estaban recorridas ante o Tribunal Supremo por existiren sentenzas favorábeis e desfavorábeis ao cómputo da antigüidade como profesorado interino".
A CIG conclúe que a Consellaría "terá que dar explicacións pola lixeireza das súas actuacións que supoñen un quebranto a numeroso profesorado, tanto ao que acadou unha praza mediante este concurso, como a quen se considera prexudicado polas modificacións acometidas no baremo pola Consellaría". De igual xeito, para CC.OO., "a irresponsabilidade da Consellería de Educación provocou un grave prexuízo a máis de 1500 docentes que obtiveron destino definitivo no concurso. A día de hoxe non saben cal será o seu destino o vindeiro 1 de setembro: buscar vivenda,matricular os fillos nos centros..., situacións persoais de difícil solución cos prazos que van ter". O sindicato engade que "esta situación non prexudica unicamente aos participantes no concurso de traslados senón que ten un efecto dominó en todo o profesorado desprazado, suprimido, provisional, comisións de servizo, interinos e substitutos; colectivos que van a ver truncadas as súas expectativas".
CIG, CCOO e UGT, que cualifican de "irresponsable" e "neglixente" a Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, do que reclaman a súa dimisión, así coma a do director xeral de Centros
As tres centrais sindicais denuncian ademais que a Consellaría non as informase previamente da súa decisión, e que só tivesen coñecemento dela a través dos medios de comunicación e da publicación da mesma na web de Educación. "Entendemos que nun asunto  tan delicado, que incumbe ao futuro de miles de docentes,  deberíamos ser os primeiros informados", sinala FETE-UGT a este respecto. O sindicato critica ademais que "esta situación está provocada pola actitude neglixente dos responsables da Consellería de Educación", que son "os únicos responsables de que agora todo o profesorado que participou no Concurso Xeral de Traslados estea a vivir na incerteza, sen coñecer o seu destino para o vindeiro curso,  a dous meses escasos  de comezar as actividades lectivas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario