mércores, 23 de xullo de 2014

FAZ e Cilenis lanzan un mellorado teclado galego para Android

FAZ. Cultura e Desenvolvemento e Cilenis, dúas spin-off da Universidade de Santiago, veñen de lanzar o primeiro teclado galego específico para Android. Na actualidade, destacan, calquera persoa que merque un dispositivo Android, sufrirá ao escribir que o teclado lle corrixa as palabras automaticamente ao castelán. Isto é así porque aínda que Google lanzou xa o seu teclado en galego, este non acaba de funcionar en moitos dos dispositivos android
Isto foi o que levou estas dúas empresas a desenvolver un teclado galego baseándose no teclado orixinal de Android, xuntando desenvolvemento informático, lingüístico e de consultoría cultural, e incorporando un moi completo dicionario. Teclado Galego Android pódese descargar de balde. Ademais, é software libre, empregando unha modificación do módulo teclado (Keyboard) de AOSP, e facendo uso do dereito de modificación e distribución contemplado na Licenza Apache 2.0.
O dicionario que inclúe o teclado galego está composto de medio millón de entradas; ademais traballa cunha ampla variedade de erros comúns, con dez mil correccións preditivas e erros frecuentes. É moi salientable, destacan os seus responsables, o especial coidado que o dicionario do Teclado Galego Android ten cun dos habituais erros en outros correctores: as formas verbais conxugadas con pronome (exemplo: díxenlle) das que se inclúen máis de cincuenta mil. Isto é posible grazas ao coñecemento xerado con Cilenis Conxugador e aos estudos de lingüística de corpus do Grupo de investigación ProLNat (CITIUS) do que naceu a spin-off universitaria Cilenis.
Así mesmo, ao igual que outros teclados deste tipo, é un teclado preditivo, pois canto máis se empregue o teclado, máis te coñecerá, mellorando así a súa capacidade preditiva. Finalmente, permite a escritura xestual, formando palabras facendo correr o dedo sobre a pantalla, unindo letras.
FAZ. Cultura e Desenvolvemento (que traballa fundamentalmente no sector da innovación ligado á cultura, para que o deseñamos novas estratexias de actuación que impulsen o seu crecemento) e Cilenis (composta por un equipo con formación en Lingüística e Informática) destacan que a sociedade demanda cada vez máis recursos lingüísticos que incidan na maior calidade do galego escrito. E, nese senso, o Teclado Galego para Android é "unha ferramenta que sae ao encontro destas necesidades, ao converterse na ferramenta que permite escribir en galego no móbil con total corrección".

Ningún comentario:

Publicar un comentario