mércores, 23 de xullo de 2014

A primeira sentenza favorábel ao profesorado Celga exixe a súa readmisión

O Xulgado do Social nº3 de Compostela admite a demanda presentada pola CIG-Ensino e sinala o "propósito atentatorio dos dereitos fundamentais" que supuxo o despedimento d@s docentes por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

A primeira sentenza en relación ao conflito entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e o profesorado do Celga foi publicada esta segunda feira. O Xulgado do Social nº3 de Compostela recoñeceu no seu fallo a nulidade do despedimento dunha das traballadoras e obriga a Xunta de Galiza a readmitila aboándolle os salarios correspondentes polo que tempo que non foi contratada durante 2014. 
O fallo exixe a readmisión da traballadora e aboarlle os salarios correspondentes ao tempo en que non foi contratada
Desta maneira a xustiza condena a decisión da Consellaría de Educación após despedir @s docentes que imparten os cursos de lingua galega cando este colectivo denunciou a situación laboral irregular na que se atopaban.
Na sentenza o xuíz afirma que o goberno galego atentou contra os dereitos fundamentais da persoa despedida ao ficar probado que a súa saída non era proporcional nen razoábel senón que supuña un feito contrario a dereito atribuíbel ao feito de que o persoal se adherir ás denuncias presentadas pola CIG-Ensino perante a Inspección de Traballo.
O fallo, ao que aínda cabe recurso de suplicación, supón un duro golpe para a Consellaría de Educación e, no concreto para a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Desde a CIG-Ensino, o seu secretario nacional, Anxo Louzao, asegurou que a sentenza pon "en evidencia non só que está probada a relación laboral coa Consellaría senón tamén que os despedimentos foron consecuencia dunha actitude represiva" por parte do executivo galego.
Así mesmo, dixo agardar que "o resto dos xuízos pendentes vaian no mesmo sentido".

Ningún comentario:

Publicar un comentario