martes, 8 de xullo de 2014

O Tribunal Supremo anula o concerto da Xunta cos 5 centros que segregan por sexos

A Sala do Contencioso-administrativo estima o recurso de casación da CIG e declara a nulidade da orde da Consellería de Educación.

O Tribunal Supremo anulou os concertos educativos da Xunta de Galiza con 5 colexios privados que escolarizan a alumn@s con segregación por sexos.
A Sala do Contencioso-Administrativo estima o recurso de casación da CIG e declara a nulidade da orde da Consellería de Educación do 26 de agosto de 2009 na parte que afecta á concesión de axudas dos centros docentes privados Peñarredonda, Montespiño, Aloya, Las Acacias e Montecastelo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a validez desta orde en todos os seus extremos.
Segundo a sentenza do Supremo "non poden comprometerse fondos públicos, pola vía dos concertos educativos, máis alá dos presupostos previstos" pola Lei Orgánica 2/2006 do 3 de maio na que se inclúe "o sexo entre as causas polas que non se poderá discriminar" o alumnado.
Así mesmo, lembra o tribunal, "após a expresada Lei Orgánica de Educación non resulta conforme a Dereito que estes centros privados, de ensino non mixto, poidan ter a condición de concertados sostidos con fondos públicos, cando, expresamente, insistimos, no réxime de admisión de alumnos se prohíbea discriminación por razón de sexo, ex artigo 84.3 da Lei".

A CIG-Ensino pide a non aplicación da LOMCE

Neste senso, o Supremo pon fin a un longo percorrido xudicial que encetou en 2009 e dá a razón á CIG-Ensino. Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino asegurou após coñecer o contido do fallo que "evidencia que a Consellaría de Educación actúa ao servizo da ideoloxía máis reacciónaria".
A CIG-Ensino pide que os centros devolvan o diñeiro co que foron subvencionados "irregularmente"
A central sindical nacionalista presentou o pasado ano un recurso de casación perante a máxima instancia logo de se posicionar favorabelmente o TSXG aos concertos con centros segregacionistas. Un feito que desde a CIG coidan "un obstáculo para avanzar na igualdade de xénero e na non discriminación entre homes e mulleres".
Desta maneira, afirmou Louzao, a decisión do Supremo constitúe "unha razón máis para reclamar a demisión" do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez e para demandar a "devolución das cantidades coas que se subvencionou irregularmente os centros Peñaredonda, Montespino, Aloya, Acacias e Montecastelo".
Desde a Confederación Intersindical Galega lembran, asemade, que teñen aínda interposto un recurso contra a Orde 2013 pola que se mantiveron os concertos cos devanditos centros "en lugar de atender a xurisprudencia existente". E denuncian que o articulado da nova lei de ensino, a LOMCE, visa dar "cobertura legal" á subvención de centros que segregan por razón de sexo. Algo que para a central sindical responde "ao desexo dos gobernos do PP" de continuar a manter ás "patronais privadas ligadas ao Opus Dei".
A aplicación da LOMCE dará rango de lei a estes concertos
Neste senso, reclaman a "non aplicación da LOMCE e a eliminación dos concertos educativos aos centros privados".

O Bloque pide a demisión do conselleiro

A organización frontista emitiu un comunicado após coñecer o contido da sentenza que anula os concertos da Xunta con centros segregacionistas. Desde o BNG exixen que a Consellaría de Educación dea cumprimento ao fallo do alto tribunal pois, din, "confirma que a medida era contraria á legalidade".
Neste senso, a deputada Carme Adán demandou "o acatamento inmediato" da decisión xudicial e a súa aplicación "no curso vindeiro". Así mesmo, reclamou en nome da fronte nacionalista "a demisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez" con cuxa política educativa o BNG, dixo Adán, a súa formación "mantén unha posición moi crítica".
A deputada nacionalista denunciou a "estratexia continua" do Partido Popular "de recorte do ensino público a favor do privado, que se traduce na perda de recursos para os centros, na redución de emprego cunha taxa de reposición mínima e coa perda de 1.300 profesores nos últimos anos", subliñou.
AGE pide a saída do conselleiro "tombado polos reveses xudiciais"
A coligazón afirma que Jesús Vázquez "non pode continuar nin un minuto máis á fronte da consellaría" pois, indicou o deputado Xavier Ron, "todas e cada unha das principais medidas que adoptou son cuestionadas unha vez e outra polos tribunais".
O parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda lembrou que para alén do concurso público aprobado pola Consellaría de Educación con 5 centros que segregan o alumnado por razón de sexo, os tribunais tamén consideraron contraria a dereito a enquisa ás familias sobre a lingua ou a anulación parcial do concurso de traslados dos profesores e profesoras interinos.
Para AGE estes "reveses xudiciais "converten en urxente, necesaria e inevitábel a dimisión de Vázquez e o seu equipo de incompetentes", sinalan nun comunicado no que tildan a política educativa do PP como "liquidadora do ensino público e laico".

Ningún comentario:

Publicar un comentario