xoves, 3 de xullo de 2014

A Mesa aposta polo dominio .gal e solicita entrar no Programa de Pioneiros do dominio propio para a sociedade galega

A Mesa e a Asociación PuntoGal mantiveron unha reunión para explorar vías de colaboración que dean impulso ao novo dominio.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2014. A asociación en defensa da lingua e os promotores do dominio PuntoGal mantiveron a pasada semana unha reunión na que formalizaron a solicitude da Mesa para entrar no Programa Pioneiros do dominio .gal. Así, o novo enderezo web da asociación, www.amesa.gal, comezaría a funcionar o vindeiro 25 de xullo.

Nesta reunión ambas asociacións exploraron vías de colaboración para difundir entre a sociedade galega o novo dominio .gal que comezará a funcionar na súa fase de pioneiros este 25 de xullo, e que a partir de setembro se abrirá ao conxunto da sociedade nas fases Abrente, Carreira e finalmente en decembro na fase Aberta. (Máis información nesta ligazón)

A Mesa, entidade adherida á Asociación PuntoGal desde o seu nacemento, valorou o éxito da iniciativa e a importancia que para a visibilización da lingua e da cultura galegas no mundo ten o recoñecemento dun dominio propio para a internet.

Marcos Maceira destacou o traballo realizado pola Asociación PuntoGal nestes anos e salientou, alén dos innegábeis beneficios económicos e de cohesión social que o novo dominio suporá para o país, a importancia que terá para o desenvolvemento do galego na sociedade actual: “O dominio .gal é unha ferramenta imprescindíbel para fomentar e visibilizar o uso do galego na rede”, sinalou o presidente da Mesa, “un espazo que na sociedade do século XXI non lle pode ser alleo a ningunha lingua que aspire á normalidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario