venres, 18 de xullo de 2014

A Consellaría de Educación mente nos datos que fai públicos sobre o noso idioma para seguir reducindo o uso da nosa lingua nas aulas

A CIG-Ensino exixe, unha vez máis, a derrogación do Decreto de Plurilinguismo e a aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

A CIG-Ensino vén de denunciar que a Consellaría de Educación mantén a campaña de persecución contra o noso idioma dando uns datos de uso nas aulas que non confirma documentalmente e que contradín todos os estudos existentes, así como as análises realizadas por diversas entidades. Por iso exixe, unha vez máis, a derrogación do Decreto de Plurilinguismo e a aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística única maneira de avanzar na normalización lingüística e no uso da nosa lingua no ensino.
Para a CIG-Ensino resulta rechamante comprobar como a Consellaría pretende, ademais, facer pasar por bos os datos que ela mesma inventa e que poñen de manifesto efectivamente que o seu Decreto non se cumpre. Un Decreto que, denuncia, “só lle garante á nosa lingua un terzo do horario escolar, extremo este que no seu día foi rexeitado por todo o ámbito educativo e valorado negativamente polo Consello Consultivo” e que naceu para “impedir o ensino en galego e malia iso, os seus mínimos nin sequera se cumpren”. Por iso entende a CIG-Ensino que o Conselleiro “utiliza uns datos dos que se descoñece a súa fiabilidade para xustificar a súa política antigalega”.
Asegura que calquera persoa sen prexuízos que observe a situación do noso idioma “é quen de comprobar que está en franco retroceso, realidade que vén quedando patente nos diferentes estudos sobre a situación do noso idioma, como o da Mesa pola Normalización Lingüística ou outros de diversas entidades que chegan á conclusión de que este Decreto favorece a hexemonía do español e a invisibilidade da nosa lingua”.
Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao asegura que "a Consellaría enmascara a situación para continuar afondando na súa política de fobia á nosa lingua" e engade que porén, "non dan disimulado que o galego é marxinal na Educación Infantil no ámbito urbano, precisamente onde está a maioría da poboación e onde precisamos máis que o noso idioma siga vivo como garantía de supervivencia."
De feito a propia Consellaría nestes datos dados no Parlamento “alardea” de que no ámbito urbano, é dicir nas entidades de poboación de máis de 50.000 habitantes, que en Galiza son as sete cidades, nas que se concentra o 50% da poboación galega, a nosa lingua en Educación Infantil está presente nun 10% dos centros. Mais o que non di a Consellaría neses datos que a CIG-Ensino asegura que “inventa” é cal é a situación dos concellos que oscilan entre os 50.000 e os 5.000 habitantes, practicamente a outra metade da poboación. “Para eses numerosos concellos non se inventan datos”, sinala Louzao.
O secretario nacional da CIG-Ensino explica tamén que "a Consellaría non dá datos da FP, precisamente unha das etapas de máis ostensíbel incumprimento, onde mesmo calquera persoa pode comprobar como todos os recursos están en español, impedindo así dar cumprimento ao pouco que se recolle no Decreto de Plurilingüismo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario