luns, 7 de xullo de 2014

Os primeiros recortes de profesorado cébanse cos colexios rurais

O Pino e Curtis saen á rúa contra a supresión de mestres por parte da Xunta, que tamén afecta a sete centros públicos de Ourense

Hai tempo que o final de curso marca o inicio das protestas de moitos centros a conta do goteo de recortes que sufrirá o persoal do profesorado o próximo ano escolar. Dito doutro xeito, un mes antes de que a Consellería de Educación publique o catálogo de postos de Infantil e Primaria —a primeiros de agosto—, son ducias os colexios públicos de Galicia os que botan contas e dividen os alumnos inscritos entre os mestres que lles tocan. “É o anticipo dun curso 2014-2015 difícil, con máis necesidades educativas que docentes para cubrilas”, quéixanse os seus directores.
O recorte nótase, sobre todo, nos colexios integrados das zonas rurais onde unha mínima caída da matrícula serve á Xunta para forzar un estirón das cocientes de alumnos por aula: 25 para Primaria e 30 en Secundaria. As matemáticas tamén se impoñen para facer a correlación entre o mestre e o número de escolares a cargo e con ese resultado, expoñen os sindicatos, xustifícase supresión de prazas fixas, minimizan as de apoio e aumentan os quilómetros e centros compartidos que asignan aos docentes de reforzo (pedagoxía terapeútica, orientación ou audición e linguaxe).
O venres, a comunidade educativa do CPI Camiño de Santiago de Arca, o Centro Público Integrado do Pino (A Coruña), botouse á rúa para denunciar que a Xunta lles resta seis profesores: catro con praza fixa e dous eventuais. Onte, por terceira vez na semana, repetiron a protesta. A medida supón suprimir catro unidades —unha en Primaria e tres en Secundaria— nun colexio con 325 nenos de tres a 16 anos onde o índice de fracaso escolar pasa do 30% e a porcentaxe de alumnos que requiren atención específica supón, practicamente, un terzo do total, explica Ana Parga, vogal do ANPA.
O tijeretazo previsto ao persoal de Arca chegoulles aos traballadores a golpe de teléfono desde a xefatura territorial dun día para outro, critica Parga, e fai “perigar” a sección bilingüe que xa levaba uns anos en marcha con clases de historia, música e plástica en inglés.
A Consellería de Educación, que cifra en 30.300 os mestres en Galicia —sen sumar os docentes universitarios— nega que expuxese a redución de seis profesores no Pino e limítase a repetir que cada centro terá “os que necesita de acordo ao alumnado”.
“A nosa biblioteca era un espazo vivo do que xa ninguén se ocupará”
A Asociación de Pais e Nais (ANPA) do CPI do Pino está na avanzada dunha protesta que implicou a boa parte deste municipio pequeno, interior e rural de sur da Coruña. Conta Ana que en Secundaria tocarán a 30 alumnos por clase a partir de setembro sen contar aos que repitan curso en aulas “onde fisicamente non collen máis de 20”. As queixas contra a Xunta resoaron nun pleno extraordinario e urxente auscipiado esta semana pola oposición co respaldo do Goberno local, do PP.
Algo similar ocorre no municipio coruñés de Curtis, tamén baixo mando popular, que leva dous meses denunciando que Educación lles resta dúas mestras de Infantil con praza fixa. E todo porque lles faltan cinco alumnos para cumprir a cociente, resume a dirección. “É definitivo, cesan o 31 de agosto”, lamenta María Jesús Barral, directora do colexio. Pasarán de catro a dous profesores para os 31 alumnos máis pequenos. Supón que pechan unha aula e reparten aos nenos de catro anos entre as clases de tres e cinco. “A biblioteca era un almacén de libros que transformamos nun espazo vivo do que xa ninguén se ocupará”, quéixase Barral.
No CPI de Atios, en Valdoviño, un só profesor terá que poñerse á fronte dunha clase de 27 nenos de catro anos o curso próximo. Cóntao o seu director, Antonio, con 20 anos de experiencia e seis nun centro con 457 escolares. A decisión da Xefatura Territorial, que non lles permite desdobrar a aula —din—, desgustou ao claustro. “Nin se axusta á cociente (25 nenos por clase) nin permite a atención individualiza que necesitan”, lamentan.
En Ourense, os sindicatos de ensino xa botaron contas dos colexios que, previsiblemente, perderán persoal e unidades o curso próximo. Son sete, explica Álex Portela, delegado de CC OO que enumera os casos de Cenlle, Padrenda, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Cea, a escola rural (CRA) Amencer de Ribadavia, e posiblemente “o peche de Montederramo”.
En Viana fáltanlles “dous nenos para conservar un profesor” mentres que a dirección do CEIP de Vilariño de Conso apura unha última chamada para a matrícula, que vai polos 25 alumnos. Hai dous anos, o centro esquivou o peche polos pelos porque o pobo reaccionou abaratando alugueres e ofrecendo axuda aos novos veciños, parellas con fillos pequenos que chegaron desde Teruel, Madrid ou Valencia. Non todos se adaptaron, recoñece o director, pero o centro sobrevive.
En Pontevedra, apunta Comisións Obreiras, periga a escola unitaria de Meder, en Salvaterra de Miño, e en Lugo aínda non botaron contas pero aventuran que haberá varios centros que perderán docentes.
“A deterioración da educación pública é evidente e esa é a triste impresión que temos”, resume José Antonio Pardo. Este profesor de Vite (Santiago) preside unha “decepcionada” Federación Galega de Asociacións de Directivos de Colexios de Ensino Público (Fegadicep) e sitúa os bos tempos do investimento educativo na década pasada, co último goberno de Fraga (PP) e o bipartito, ata 2009. “As xubilacións non sempre se cobren e compártense moitos medios profesores”, critica.
Os nenos son número para o XADE —a base de datos da Consellería— pero cada alumno é diferente e hai que formalos como persoas con calidade educativa”, reclama Marián López. Dirixe o CEIP ferrolán de San Xoán, que non é un colexio calquera. Pasou da marxinalidade para ser multipremiado polo tesón do seu profesorado en combater o absentismo escolar e empuxar programas de integración e reforzo académico que lles valeron o aplauso do ministerio e moitos galardóns.
Un terzo dos seus 175 alumnos son de etnia xitana, hai unha decena de estranxeiros de media ducia de nacionalidades e varios escolares con discapacidade ou necesidades específicas. E non só iso. Practicamente a metade proveñen de familias que bordean ou están en risco de exclusión social. A dirección critica que o traballo de moitos anos cambaléase nunha pelexa continua coa Xunta que soa a regateo de mestres. “O ano pasado pedimos un profesor máis e tocáronnos dúas medias. É un tira e afrouxa onde tes que esperar a ver se tócache a lotería coas vacantes ou non”, critica a dirección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario