luns, 28 de xullo de 2014

Mellorar a calidade académica, a internacionalización e a investigación, principais obxectivos para os reitores

Mellorar a calidade académica, fomentar a internacionalización e a mobilidade universitaria e potenciar a actividade investigadora das universidades, son os obxectivos que destacan os reitores para o futuro da Universidade, recollidos nunha enquisa online realizada con motivo do III Encontro Internacional de Reitores Universia, que se celebrará os días 28 e 29 de xullo en Río de Janeiro (Brasil).
Entre os temas formulados na sondaxe, a organización do Encontro seleccionou tres preguntas relevantes que recollen a opinión dos reitores sobre a 'Situación actual da universidade iberoamericana no mundo', as 'Tendencias para 2020' e os 'Obxectivos estratéxicos'.
En concreto, as principais cuestións que preocupan aos reitores en relación á actualidade universitaria son, para o 35 por cento, a presenza nos principais rankings universitarios internacionais; o 29 por cento, admite preocupación polo desenvolvemento de actividades de carácter científico e proxectos de investigación que xeren coñecemento de valor; para un 22 por cento, a mellora do nivel académico, dos proxectos educativos e fixar estándares de calidade.
Ademais, a posta en marcha de procesos de internacionalización e unha maior mobilidade de estudantes e persoal docente e investigador, é outro dos puntos que inquieta ao 21 por cento dos reitores; xunto coa creación dunha comunidade universitaria iberoamericana que permita o intercambio de coñecementos (un 19 por cento); e o posicionamento da universidade como protagonista no desenvolvemento do seu ámbito económico-social (para o 17 por cento).
Respecto ás anteriores preocupacións, un 31 por cento opina que a presenza nos principais rankings universitarios se mellorou, fronte a un 68 por cento que considera que aínda queda por facer. Así mesmo, un 31 por cento valora que o desenvolvemento de actividades científicas marcha ben, fronte á valoración negativa dun 66 por cento. En canto ao posicionamento da universidade no ámbito económico-social, o 30 por cento cre que progresou, fronte a un 42 por cento que non ve reflectido ningún avance neste sentido.
Por outro lado, os reitores móstranse máis optimistas coa mellora do nivel académico e dos proxectos educativos (un 61 por cento fala de melloras, fronte ao 36 por cento). Tamén, o fomento dos procesos de internacionalización é valorado favorablemente polo 56 por cento dos reitores, fronte ao 42 por cento. Por último, hai un empate de opinións (un 44 por cento) no tema da creación dunha comunidade universitaria para promover o intercambio de coñecementos.
A enquisa reflicte tamén as propostas dos reitores de cara a 2020, entre as que destacaron a necesidade de lograr que a investigación actúe como "panca de recoñecemento e prestixio da universidade" e impulsar a internacionalización do persoal docente e investigador. Ademais, algúns dos participantes no estudo recoñeceron a importancia da formación online e a distancia; e outros, denuncian a redución das axudas económicas a universidades por parte dos gobernos.
Tras os dous procesos anteriores, a sondaxe recolle os obxectivos fundamentais formulados polos reitores de cara ao futuro da Universidade e entre os que propoñen traballar pola mellora da calidade educativa; por unha maior internacionalización; e por impulsar o labor investigador e científico.
Universia sinalou que se trata dun estudo, realizado entre 1.469 reitores de diversas universidades iberoamericanas, que ten como finalidade "saber de onde partimos" e coñecer "cales son as bases que poden mellorar o posicionamento da Universidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario