xoves, 31 de xullo de 2014

Os mellores estudantes negan o saúdo a Wert en protesta pola súa reforma


  • Os estudantes protestan polo proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e reivindican o papel da escola pública
  • O ministro obvia as críticas no seu discurso e aposta por manter a excelencia nas unviersidades

 Ata doce estudantes galardoados cos Premios nacionais fin de carreira negaron o saúdo este martes ao ministro de Educación, José Ignacio Wert. Wert foi o encargado de entregar as distincións no Auditorio Nacional, xunto á secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio; e o secretario xeral de Universidades, Federico Morán.

Entre o público puidéronse ver numerosas camisetas da marea verde, o movemento cidadán en defensa da escola pública fronte aos recortes en educación e o proxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), aprobado o Consello de Ministros o pasado 17 de maio. Tres dos premiados subiron ao escenario coa peza reivindicativa e unha cuarta persoa dirixiuse ao público para reclamar unha educación libre e para todos", momento no que foi ovacionada polos presentes.

"Non podemos permitir que a escola quede relegada á nada", dixo aos medios Julia Iriarte, unha das premiadas. Iriarte engadiu que defende aquilo no que cre e que negou o saúdo ás autoridades porque considera "o que están facendo" coa educación pública "unha falta de respecto".

No acto entregáronse un total de 129 galardóns. No discurso lido por un dos estudantes, Abraham Laguna Cubero, reclamouse o apoio das autoridades á calidade no ensino. "Apoiade a investigación, a innovación, o entendemento, a colaboración empresa-universidade e, en definitiva, a calidade. Non se pode desaproveitar a oportunidade de dar un salto na calidade", dixo.

O ministro Wert, que interveu para pechar o acto, centrouse na excelencia dos premiados para destacar que se debe á "perseveranza" e poñer o acento en que a equidade é "a igualdade de oportunidades no acceso", non a uniformidade dos resultados.

Na súa opinión, as universidades souberon "xestionar ben" a "tensión" que supuxo o incremento do alumnado e deben "agora manter unha importante tensión da excelencia". "Queda moito camiño por percorrer e ten que ver coa ambición polas metas", engadiu.

Non é a primeira ocasión na que se producen protestas contra o ministro José Ignacio Wert e contra o seu proxecto de reforma educativa. Nas próximas semanas, a Plataforma pola escola pública, integrada na marea verde, realizará diversas accións de protesta, como o envío masivo de cartas ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, encerros en centros educativos e manifestacións en numerosos puntos de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario