martes, 1 de xullo de 2014

A CIG-Ensino esixe a dimisión do Conselleiro de Educación

Despois do fraude que supuxo a convocatoria do Concurso de traslados do Profesorado galego, defendida a ultranza pola Consellaría no seu día.

A Consellaría de Educación anunciou que acatará, sen recorrer, a sentenza que anula o concurso de traslados no que participaran 8.000 ensinantes e se adxudicaran 1.600 prazas. A CIG-Ensino exixe a demisión do Conselleiro pola “gravidade dos feitos”.

A CIG-Ensino acaba de coñecer a posición da Consellaría en referencia á sentenza ditada polo Tribunal nº 2 de Compostela, que segundo a propia Consellaría anula parcialmente a convocatoria do Concurso de traslados, mais este coñecemento non é en base a unha comunicación da Consellaría, como cabería agardar, senón a través da páxina web, sen previa convocatoria da Mesa Sectorial. É dicir, unha vez máis co desprezo máis absoluto do profesorado e os seus representantes.
De feito, a CIG-Ensino comeza por denunciar que a actitude mantida pola Consellaría de Educación neste proceso roza o esperpento e supón unha desconsideración total do profesorado, continuando a alimentar o enfrontamento entre colectivos.
A gravidade destes feitos, condúcennos a esixir a dimisión do Conselleiro. É unha irresponsabilidade absoluta que a Consellaría de Educación tomase unilateralmente a decisión de convocar este Concurso de Traslados en que participaron preto de 8000 profesores en base a unha normativa que xerou controversia desde o primeiro momento e que sen embargo a Administración aseguraba que estaba perfectamente fundamentada a nivel xurídico no relativo á modificación do baremo, chegando manifestar que a súa proposta era a única posíbel desde o punto de vista legal.
Neste sentido foi a propia Consellaría quen informou de que xa naquel momento había convocatorias do concurso de traslados que estaban recorridas ante o Tribunal Supremo por existiren sentenzas favorábeis e desfavorábeis ao cómputo da antigüidade como profesorado interino. Por tanto a Consellaría levou adiante esta convocatoria manifestando en máis dunha ocasión ante as preguntas da CIG-Ensino que a convocatoria era a que consideraba a única posición legal.
Porén, a día de hoxe, unha vez que se publicou a resolución definitiva e que máis de 1600 profesores e profesoras xa se dirixiran aos seus novos centros e xa recibiran a dilixencia de toma de posesión, a Consellaría resolveu, a estas alturas e en contra do manifestado e defendido até agora, acatar a sentenza e proceder á rebaremación do profesorado participante, en contradición co que tiñan manifestado e seguen a defender na propia nota de prensa en que comunican a nova decisión.
A actitude escurantista da Consellaría fai que, máis unha vez, os representantes do profesorado coñezamos polos medios de comunicación os posicionamentos que afectan o profesorado sen previa información, nin negociación coas organizacións sindicais.
A Consellaría terá que dar explicacións pola lixeireza das súas actuacións que supoñen un quebranto a numeroso profesorado, tanto ao que acadou unha praza mediante este concurso, como a quen se considera prexudicado polas modificacións acometidas no baremo pola Consellaría.
Novamente, o PP á fronte das institucións actúa con temeridade e irresponsabilidade, como está a facer coa aplicación da LOMCE.
A CIG-Ensino exixe  da Consellaría que dea unha saída definitiva ao conflito, xa que a é a única responsábel de todo este desatino e exixe tamén que a solución non supoña prexuízos para ninguén.
Axuntamos nesta ligazón o posicionamento da CIG-Ensino sobre a convocatoria do Concurso de traslados publicada o 6 de febreiro de 2014.

Barco á deriva

“A única información que temos é a do portal da Consellaría e non dubidamos de que esta é unha decisión política, un novo desatino e unha tomadura de pelo ao profesorado que demostra unha vez máis a falta de seriedade da administración educativa que continúa dando pasos en falso”, critica, en declaracións a Sermos Galiza, Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino. Denuncia o “escurantismo” do departamento dirixido por Xesús Vázquez que durante todo o día non responderon á petición de información por parte do sindicato.
Custa entender, segundo Louzao, que despois da Consellaría ter defendido a conveniencia da súa actuación, acaten a primeira sentenza sen recorrer nin unha soa vez se non é por presións e decisión de orde política.
“A Consellaría é un barco á deriva e o conselleiro é quen ten que levar o temón. A súa actuación é prepotente ao non ter en conta aos representantes dos traballadores  en cuestións que, como esta, lles está afectando directamente”, di Louzao para explicar a petición de demisión que defende a CIG.
A falta de dirección que marque o rumbo da Consellaría está afectar tamén, segundo Anxo Louzao, ao caos que se está a producir a respecto da LOMCE. “Pretenden comezar a aplicala o curso que vén e nin sequera teñen publicados os currículos. Traballan á lixeira e sen rigor, con temeridade e irresponsabilidade”, sinala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario