mércores, 2 de xullo de 2014

Galicia, unha das Comunidades con máis alumnos integrados en unidades de apoio

O 83,7 por cento do alumnado galego con necesidades educativas especiais está integrado en unidades escolares ordinarias, mentres que a media española é do 80,3 por cento, e, ademais, Galicia é unha das Comunidades con maior porcentaxe de alumnado que recibe apoio educativo
O número de alumnos que recibiu apoio educativo por presentar algunha necesidade específica ascendeu no curso 2012-13 a 420.686 fronte aos 399.083 do anterior, o que representa un crecemento do 5,4 por cento, e a gran maioría englóbase nos centros públicos e concertados.
Os estudantes que en 2012-13 recibiron unha atención educativa diferente á ordinaria representou o 5,3 % do total de alumnado e, deles, 167.903 (39,9 %) recibírona por necesidades asociadas a discapacidade ou trastorno grave, 14.626 (3,5 %) por integración tardía no sistema educativo, e 12.490 (3 %) por altas capacidades intelectuais.
Ademais, 225.667 (53,6 %) nenos e nenas tiveron apoio educativo por outras categorías de necesidade específica como atraso madurativo, trastornos do desenvolvemento da linguaxe, da aprendizaxe ou con descoñecemento grave da lingua de instrución , segundo a Estatística dos Ensinos non Universitarios 2012-13 publicada o pasado xuño polo Ministerio de Educación.
En base á información dispoñible, Baleares (13,2 %), Navarra (12,4 %) e Galicia (11,9 %) son as Comunidades con maiores porcentaxes de alumnado recibindo apoio educativo, mentres que Cataluña cun 2 %, Madrid co 3,5 %, e País Vasco co 3,6 % atópanse no outro extremo.
Se se examinan as necesidades educativas especiais (discapacidade auditiva, motora, intelectual, visual, trastornos do desenvolvemento, graves de conduta e plurideficiencia), os valores máis elevados danse en Navarra e Ceuta (4,9 % e 4,4 % sobre o total de alumnado, respectivamente).
Comunidade Valenciana e Estremadura (0,8 % e 1,7 %, respectivamente) teñen as porcentaxes máis baixas de alumnos con necesidades especiais recibindo apoio educativo.     
Por outra banda, en Primaria é onde máis alumnos matriculados requiren apoio educativo por necesidades específicas, 202.698 (48,2 %), seguido por ESO, 119.052 (28,3 %) e Educación Especial, 33.022, (7,8 %).
Os homes representan o 63,3 % do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (6,6 % do total de alumnos) e as mulleres o 36,7 % restante (4,1 % de todas as alumnas); en todas as categorías eles son maioría, acurtándose as distancias
unicamente no caso de integración tardía (54,2 % homes e 45,8 % mulleres).
O tipo de apoio no que se observan máis diferenzas na repartición entre homes e mulleres é en altas capacidades, co 66,4 % de homes e o 33,6 % de mulleres.
Os estudantes con necesidades educativas especiais (asociadas a unha discapacidade) que reciben apoio supoñen o 2,1 % dos matriculados nos ensinos non universitarios e as maiores porcentaxes preséntanse nos centros públicos e na concertada (2,3 % e 2,2 % do total de alumnado, respectivamente), "sendo practicamente inexistente" no ensino privado (0,3 %).
As discapacidades máis frecuentes neste alumnado son a intelectual (41,3 %) e os trastornos graves do desenvolvemento e da conduta (31,1 %).
A maioría do alumnado con necesidades educativas especiais, o 80,3 %, está integrado en centros ordinarios (o 19,7 % restante en centros e unidades específicas), aínda que hai certa variabilidade entre a porcentaxe de integración nas distintas rexións.
Os valores máis altos de integración atópanse en Navarra (89,9 %) e os máis baixos na Comunidade Valenciana (55,8 %).
Se se ten en conta o tipo de discapacidade, a maior porcentaxe de integración corresponde á deficiencia visual, xa que o 95,7 % do alumnado que recibe apoio por este motivo está
integrado en centros ordinarios.
      
O seguinte cadro recolle, por CC AA, a porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais (asociadas a discapacidade ou trastornos graves) integrado en unidades escolares ordinarias e compartindo aula con outro alumnado:
          CC AA                         %
       =======================
       -Andalucía                   83,5
       -Aragón                      77,0
       -Asturias                    82,5
       -Baleares                    88,6
       -Canarias                    73,4
       -Cantabria                   88,8
       -C. e León                   85,7
       -C.-A Mancha                83,8
       -Cataluña                    74,1
       -C. Valenciana               55,8
       -Estremadura                 77,7
       -Galicia                     83,7
       -Madrid                      77,8
       -Murcia                      86,1
       -Navarra                     89,9
       -País Vasco                  83,3
       -A Rioxa (2011-12)          86,3
       -Ceuta                       85,6
       -Melilla                     86,2

       TOTAL                       80,3


     

Ningún comentario:

Publicar un comentario