mércores, 9 de xullo de 2014

A blindaxe do PP garántelles fondos públicos aos colexios que segregan por sexo

Os cinco colexios privados que segregan o alumnado en función do seu sexo non espertaron este martes cunha especial intranquilidade. Así llo manifestaba á TVG a voceira da empresa propietaria de catro deles, ligada ao Opus Dei, para quen non cambia nada tras a sentenza coa que o Tribunal Supremo anulou a orde ditada pola Xunta en 2009 que financiaba como concertados os colexios Montespiño, Peñarredonda, Montecastelo, Las Acacias e Aloya. Esta tranquilidade débese, esencialmente, á blindaxe que a LOMCE, a coñecida como Lei Wert, lles proporciona ás inxeccións de cartos públicos nestes colexios de ideoloxía ultraconservadora, o que non contradí, así e todo, que a Xunta os financiase cando aínda era ilegal.
A anulación ditaminada polo Supremo a instancias da CIG Ensino baséase no artigo 84.3 da LOE, a lei educativa impulsada en 2006 polo Goberno do PSOE. No seu artigo 84.3 a lei establece que non pode existir "discriminación por razón de sexo" á hora de admitir o alumnado nos centros financiados polas Administracións, xa sexan públics ou concertados. Polo tanto, entende o alto tribunal, "non resulta conforme a dereito que eses centros privados de educación non mixta poidan ter a condición de concertados", porque "non poden comprometerse os fondos públicos pola vía dos concertos educativos alén dos supostos previstos pola lei".
A Xunta concedeulles concertos aos segregacionistas cando a LOE aínda estaba vixente
Esa orde de 2009, coa que o PP reverteu a anulación dos concertos que decidira o bipartito e que xa sufriu un pau xudicial do TSXG en 2013 por un recurso do STEG, non é a única. En agosto de 2013 o Goberno galego decidiu desoír a Xustiza e, cunha nova orde, seguir financiando estes colexios coa única cautela de "non concertar as unidades de primeiro de educación primaria ou secundaria, segundo o caso" para así "garantir que o alumnado xa escolarizado non sufra alteración ningunha na súa traxectoria educativa". Isto facíao cinco meses despois de que o alto tribunal galego lle lembrase que a LOE prohíbe tallantamente a discriminación dos alumnos na admisión a centros públicos e concertados".

Demanda pendente no TSXG

O TSXG, precisamente, será quen teña que ditaminar se esta teimosía da Xunta é unha ilegalidade, toda vez que o pasado xuño a CIG Ensino formalizou o pasado xuño unha demanda para que anule tamén ese segundo reparto de fondos. A Xunta, di a demanda, malia "ter coñecemento directo da interpretación correcta" da LOE, "decidiu de novo conceder concertos educativos aos mesmos centros que só admiten alumnado masculino ou feminino, nunha actuación que nos parece raiana na prevaricación administrativa", por "ditarse co arbitrario e inicuou propósito de atribuír un financiamento público a quen a lei llo nega".
A demanda formulada pola CIG o pasado xuño advirte de que a Xunta financiou estes centros en 2013 malia saber que non podía facelo, nunha actitude "raiana na prevaricación"
Neste caso, advirte o escrito, nin sequera a LOMCE libraría a Xunta de incorrer nunha ilegalidade, toda vez que a norma de Wert "entrou en vigor o 30 de decembro de 2013", isto é, catro meses despois da asignación de concertos. Nin sequera a disposición da LOMCE que habilita os colexios segregacionistas para solicitaren novos concertos convertiría en legal a actuación do Goberno galego, din, toda vez que os centros teñen a posibilidade de solicitar novos concertos pero a norma "non convalida os vicios daqueles que foron indebidamente concedidos" baixo a lei anterior.
Así e todo, aínda no caso de que os tribunais volvan constatar que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo financiou centros segregacionistas á marxe da lei, os efectos das sentenzas non terían, a priori, tradución práctica para o futuro destes colexios como concertados. Isto é así porque a nova normativa dos conservadores considera que "non constitúe discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización do ensino diferenciado por sexos" e "en ningún caso" esta circunstancia pode implicar "unha desvantaxe á hora de subscribir concertos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario