venres, 18 de xullo de 2014

Sete euros do Goberno de España para cada menor galego en risco de pobreza

"Alimentación, aseo persoal, vestiario ou pagamento dos gastos do fogar como a luz ou a auga". Son os obxectivos do "fondo extraordinario para xudar as familias con menores ao cargo que se atopen nunha situación de pobreza material severa como consecuencia da crise" que vén de repartir o Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais entre as comunidades autónomas. Trátase dun fondo que o departamento que dirixe Ana Mato presenta como histórico, por ser a primeira vez que se aplica, e que segundo a ministra "permitirá que os menores non se vexan afectados polas dificultades económicas que atravesan as súas familias". A grandilocuencia destas verbas fica minorada ao ser contrastadas cunhas cifras que indican que, no caso galego, as axudas suporán uns 7 euros por cada neno ou nena nesta situación de pobreza.
Para distribuír estes cartos, 17,4 millóns de euros en total, o Ministerio tomou como referencia a taxa AROPE, o indicador homologado a nivel europeo para medir a pobreza e a exclusión social e que no ano 2012, referencia para o reparto das axudas, se situou en Galicia no 23,2%. "O recurso a este indicador suscitou o consenso das comunidades autónomas", sinalaba o gabinete ministerial mentres nos corredores a propia conselleira de Benestar da Xunta, Beatriz Mato, se mostraba disconforme co criterio, toda vez que obvia variables como a poboación. A disconformidade non se estende, así e todo, co montante global da partida que, mergullándose un chisco máis nos datos, semella difícil que poida paliar grandes problemas.
No 2012, ano referencia para o reparto, había en Galicia unhas 100.000 persoas menores na pobreza
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2012 había en Galicia unha taxa de pobreza infantil do 27,35%, indicador referido á poboación de entre 0 e 16 anos. Nese mesmo ano vivían no país un total de 368.503 persoas desa idade, polo que un sinxelo cálculo permite tirar que as que tiñan este tipo de problemas económicos eran unhas 100.785. Dado que a distribución do Goberno central indica que á Xunta lle tocará xestionar 723,868 euros dese fondo cabe concluír que, efectos prácticos, a Administración autónomica disporá de 7,18 euros por neno ou nena. Segundo a conselleira, estes cartos irán parar a axudas de inclusión social e á Federación do Banco de Alimentos para "garantir os sustento das familias con menores ao cargo que están pasando maiores dificultades", unha vez desbotada a posibilidade de abrir comedores escolares no verán aínda que así foi aprobado no Parlamento.

Un problema en aumento

O reparto deste fondo do Goberno central chega nun contexto no que organizacións sociais como a Rede Europea contra a Pobreza ou Cáritas, entre outras, alertan do incremento da pobreza infantil mentres a propia Xunta, por boca do seu presidente, nega algunhas das súas mostras máis preocupantes, tales como os casos de malnutrición, existentes aínda que haxa outros territorios do Estado máis afectados por eles. Estas circunstancias, que si lle ofrecen "credibilidade" a outras institucións como o Valedor do Pobo, prodúcense nun contexto no que os datos estatísticos tamén revelan un agravamento da situación económica das familias. É o caso, por exemplo, dos fogares galegos con menores ao cargo nos que existe risco de pobreza, que pasaron do 14% ao 20% en apenas seis anos.
Entre as causas directas desta situación está o incremento do desemprego nos últimos anos que acredita a Enquisa de Poboación Activa, o estudo homologado a nivel da Unión Europea para medir o mercado de traballo. Esa enquisa, ademais de contar persoas sen traballo, mide tamén as repercusións desta circunstancia na súa contorna e amosa, por exemplo, como lles afecta aos menores de idade. Así, indicadores como o que mide os nenos e nenas que viven en fogares nos que ninguén ten traballo resultan especialmente reveladores: no ano 2004 pouco máis do 6% da poboación infantil galega estaba nesta stiuación, en 2007 eran apenas o 5,4% e no 2012, ano tomado como referencia polo Ministerio para repartir os cartos, chegaron ao 12,2%.
A ausencia de traballo remunerado deriva tamén, como é obvio, na ausencia de ingresos. Na súa enquisa de condicións de vida o IGE fíxase tamén nas vivendas familiares que, con independencia da idade dos seus membros, dispoñen ou non de ingresos. Esta radiografía tamén amosa datos preocupantes, toda vez que a carencia total de cartos practicamente se duplicou en apenas catro anos. No ano 2010, cando xa estourara a crise económica, eran algo menos de 20.000 vivendas nas que non entraba ingresos ningún. No primeiro trimestre deste 2014 o instituto estatístico galego sinala xa que son uns 34.300 os fogares galegos que tentan sobrevivir sen ingresar nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario