luns, 4 de febreiro de 2013

A Galipedia prepara o seu décimo aniversario rozando os 100.000 artigos

Ou: Conxunción. Con valor disxuntivo expresa unha alternancia. ¿Queres que ceemos ou queres que baixemos? Flores amarelas ou brancas. Deste xeito, con carácter disxuntivo, botaba a andar a Galipedia, a wikipedia en galego, hai xa unha década. O 8 de marzo de 2003 o usuario ILVI creaba a primeira versión da portada da Galipedia e, cinco días despois, o 13 de marzo, creaba o primeiro artigo, dedicado á conxunción ou. Pouco despois, e tal como se reflicte no texto dedicado á propia Galipedia, chegaron os seguintes termos: cal, ciencias experimentais, ciencias humanas, ciencias ocultas, ciencias aplicadas e botánica. Nos primeiros meses rexistrouse o usuario Agremón, converténdose no primeiro administrador e empregando por vez primeira o termo Galipedia.

Dende aquela, xa pasaron dez anos e máis de 97.000 artigos creados por unha comunidade colaborativa que prepara o décimo aniversario da iniciativa coa intención de lle dar máis difusión a esta ferramenta virtual de coñecemento. “Nestes tempos resulta imprescindible ter unha enciclopedia en rede, que se ocupe de darnos información en galego do mundo. E tamén resulta imprescindible poder contar na rede con información fiable sobre Galicia e que estea na nosa lingua”, explica Manuel Igrexas, profesor en Lalín, un dos dez administradores da Galipedia e o editor máis activo, con máis de 4.500 artigos creados segundo as estatísticas do propio portal. Outros usuarios activos tamén subliña a relevancia da ferramenta no eido da normalización. “É esencial ter unha mirada propia, dende a nosa lingua, da nosa cultura e do mundo que nos rodea. Se estivésemos normalizados, a Galipedia sería simplemente algo máis que está aí. Pero non o estamos e resulta importante” sinala Alejandro Tobar, o décimo editor con máis actividade segundo as estatísticas internas da Galipedia.

Os perfís de Manuel Igrexas, cuxo nome de usuario é Xas, ou de Tobar responden ás características da comunidade que lle dá vida e soporte á Galipedia. Coma eles, hai un conxunto duns vinte usuarios que son considerados os máis activos e que superan o milleiro de artigos creados. Segundo o artigo da Galipedia, en realidade son entre os 260 e 330 os editores habituais, sendo preto de vinte os que invisten máis tempo e esforzo. E, como en toda comunidade, hai unha mínima xerarquía de organización. “Na comunidade hai dúas categorías. A primeira é o simple editor, que pode ser calquera usuario que achega información e edita os artigos, en maior ou menor número. A segunda está formada polos administradores, que son escollidos polo conxunto de editores atendendo a criterios de traxectoria, número de correccións, edicións, etc. Os administradores son os que se encargan de levar o control da Galipedia”, explica Manuel Igrexas, que destaca neste senso o “valor colaborativo e democrático” do proxecto.










Ningún comentario:

Publicar un comentario