mércores, 6 de febreiro de 2013

Nace a "Asociación de Medios en Galego", unión inédita dos medios en galego para defender a nosa lingua

Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info son os impulsores da "Asociación de Medios en Galego", un grupo que ten como obxectivo fortalecer e asentar os medios en galego, consolidar un espazo de comunicación na lingua propia ou contribuir á profesionalización do sector dos medios en galego, entre outros.

A asociación, que xa foi rexistrada na Xunta o pasado venres, está aberta a outros medios de comunicación. Polo momento, Sermos Galiza xa amosou a súa intención de integrarse na mesma. Esta iniciativa ten a súa orixe na experiencia Vitaminas para o Galego, impulsada o pasado ano e que desenvolveu varios eventos xornalísticos e culturais na defensa do noso idioma.

Obxectivos

Os principais obxectivos da nova Asociación de Medios en Galego serán defender os intereses dos seus asociados, favorecendo así o fortalecemento dos medios de comunicación en galego. Tamén contribuír ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia e á consolidación dun espazo de comunicación en galego fomentando a presenza pública, tanto individual coma conxunta, dos medios de comunicación neste idioma.
Esta asociación tamén contribuirá á profesionalización do sector procurando que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio e que acaden a independencia económica, e representará o sector diante das distintas administracións en todo aquilo que afecte aos medios de comunicación en galego.
Tamén debaterá colectivamente os temas de interese para o sector e asesorará as entidades produtoras de medios integradas para facer fronte aos problemas profesionais comúns, promovendo iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien o sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información entre os membros da asociación, promoverá proxectos comúns e contribuirá ao proceso de normalización lingüística.

Socios

Serán socios desta asociación as persoas físicas ou xurídicas cuxa actividade principal sexa a produción e tratamento de información calquera que sexa o seu soporte e que, entre outros requisitos, utilicen o galego, teñan unha periodicidade non superior a un mes e teñan unha vida mínima anterior á constitución de seis meses, sempre que máis do 70% da súa extensión ou tempo de emisión estean dedicados a contidos non publicitarios. Non poderán formar parte da asociación os órganos de expresión de administracións públicas ou entidades dependentes, partidos políticos, organizacións sindicais, patronais e colexios profesionais, así como calquera outra de análoga natureza, nin as asociación ou entidades que se atopen incursas en procesos concursais ou de disolución, ou que manteñan débedas con traballadores ou ex-traballadores.
Os medios interesados en formar parte desta asociación poden informarse enviando un mail a vitaminasgalego@gmail.com.

Información tirada de Galicia Confidencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario