Que unha ferramenta útil e de uso común como Wordpress (sistema de xestión de contidos enfocado á creación de blogs) teña a interface de usuario dispoñible en galego, na súa flamante versión 3.5, é sempre unha boa nova, pero a nova xa se converte en excelente cando tradución á nosa lingua é do 100% na 3.5.1. Isto significa, entre outras cousas, que amais do panel de uso común, tamén veremos en galego elementos como os menús de administración.
Lembremos que detrás deste importante traballo atópase o grupo de localización de WordPress ao galego. Dende este colectivo informan, para que ninguén se deite a durmir e todos os usuarios de novas tecnoloxías en galego poidan ter ao alcance da man as vindeiras versións deste aplicativo de publicación de bitácoras, que é preciso seguir traballando para corrixir posibles erros e ir dando forma á vindeira achega 3.6, agora en desenvolvemento.
Coma noutras ocasións, lembran que non está de máis que cada quen poña o seu gran de area no labor de adaptación ao galego desta e outras ferramentas libres, e máis tendo en conta que se trata dun labor desinteresado, sen arela de lucro nin máis recompensa ca traballar a prol do idioma e da programación aberta, feito por voluntarios.
Información tirada de Código Cero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario