Este xoves a Xunta aprobou o novo Plan Igualdade do Goberno galego,
obrigado por lei, coa loita contra a violencia de xénero como eixo
principal. Porén, o plan non inclúe medida ningunha contra a segregación
por sexo nos centros de ensino, nin a Xunta ten previsto deixar de
subvencionar os colexios privados segregadores. Afirmouno Alberto Núñez
Feijoo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta: "A
consellería ten decidido proseguir co que temos feito na Xunta dende
sempre, que é non facer ningún tipo de diminución da liberdade dos pais
cando decidan a que colexios envían os seus fillos".
amén este xoves AGE anunciou a presentacións de dúas proposicións non de
lei no Parlamento relativas ao financiamento público dos centros de
ensino privados e ao pago de cartos públicos para o sostemento das
clases de Relixión. A formación insta a Xunta de Galicia a
suspender progresivamente os concertos educativos con centros privados
reservando os recursos detraídos para o mantemento da rede pública de
centros, e que os cartos destinados a relixión se destinen a convocar
ofertas públicas de emprego. En definitiva, as dúas propostas buscan defender o carácter público e laico do ensino.
Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez denunciaron neste senso "a
situación de emerxencia na que se atopa o ensino público" e salientaron a
“salvaxe redución de 149 millóns de euros” nos Orzamentos, “unha
auténtica asfixia e colapso do sistema educativo público que se produce
cada ano de xeito sucesivo”. En contraposición, os dous deputados de AGE fixeron fincapé nos 237 millóns de euros cos que a Xunta subvencionará o ensino privado e concertado.
Neste senso Ramón Vázquez denunciou que “o modelo educativo que
sustenta o Goberno do PP caracterízase pola hexemonía dos centros
privados e concertados que copan as zonas máis céntricas das cidades e
pon cada vez máis atrancos ás escolas no rural”. Vázquez
engadiu que nos últimos catro anos pecharon 322 aulas en escolas de toda
Galicia e 46 centros de ensino público, mentres que se realizaron 27
novos concertos educativos con centros privados.
Os deputados de AGE criticaron tamén a partida orzamentaria de 27 millóns de euros para o pago ao profesorado de relixión. Vázquez
denunciou que “o trato privilexiado e preferencial que recibe a
relixión católica e o seu tratamento no ensino público, constitúen unha
desviación do marco constitucional e estatutario, polo que debe ser
abordado de xeito urxente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario