Lecturas colectivas, ofrendas florais, videos e unha Alborada
interpretada por medio cento de grupos de gaiteiros homenaxearon a
Rosalía conmemorando o nacemento da poeta. Os actos de homenaxe comezaran o venres coa lectura de poemas de Cantares Gallegos en ducias de centros de ensino de todo o país
e continuaron o sábado con lecturas colectivas en todas as cidades e
vilas. Pero os actos centrais das homenaxes desta fin de semana estaban
reservados para este domingo 24, Día de Rosalía e aniversario do nacemento da poeta.
A Fundación Rosalía de Castro celebrou hoxe en Santiago e en Padrón senllos actos institucionais. Ás
10 da mañá o seu presidente Anxo Angueira, o presidente da RAG, Xosé
Luís Méndez Ferrín, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, fixeron unha
ofrenda floral no monumento a Rosalía na Praza de Vigo, preto de onde
naceu a escritora. Ás 12 horas tivo lugar na Casa-Museo o acto nacional
do Día de Rosalía, ao que asistiron múltiples autoridades,
encabezadas por Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, e os alcaldes de
Vigo, Santiago, Padrón e Ames. Anxo Angueira, presidente da Fundación,
aproveitou o acto para presentar o proxecto do 150 aniversario de Cantares Gallegos. En decembro a Fundación espera reinaugurar a Casa de Rosalía.
De igual xeito, no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG celebrou un acto nacional onde se leron poemas de Cantares gallegos, ademais de realizarse unha ofrenda floral. Cesáreo
Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Xina Vega, leron o manifesto, e
Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García
Negro, Inma López Silva, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Helena Villar
Janeiro leron poemas.
O outro gran evento da xornada foi a interpretación colectiva da Alborada de Rosalía a cargo de case setenta grupos de gaiteiros e gaiteiras en toda Galicia e tamén en Cork, Madrid, París ou Bos Aires.
O seu seguimento en redes sociais tamén foi masivo, utilizando o
hashtag #AlboradaRosalía. O manifesto da Asociación de Gaiteiros
Galegos, a Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a
Universidade de Vigo péchase dicindo que "puxo o maior coidado en
reproducir o espírito do noso pobo, velaí o mesmo espírito que aniña nos
punteiros todos das gaitas. Somos atrevidos, queremos mil, cen mil
gaiteiros máis para Galicia, e guiados por aqueles Cantares queremos
tocar unha alborada de gloria. Que todos saiban que hoxe a gaita galega
non chora, que canta".
Ningún comentario:
Publicar un comentario