La Bressola, escoles laiques catalanes de la Catalunya del Nord,
é unha asociación que, dende os anos setenta, impulsa unha rede de
escolas populares nos territorios administrativamente pertencentes á
Francia que teñen o catalán como lingua propia. Na Catalunya do Norte
atenden uns 800 alumnos e alumnas cada curso académico dende os dous
anos de idade ata o remate do ensino obrigatorio, as xeracións das que
depende a "supervivencia" da lingua catalá neste territorio, explican.
Durante unha visita á asociación compostelá A Gentalha do Pichel
para compartiren a súa experiencia a directora da asociación, Eva
Bertrana, o seu director pedagóxico, Francesc Franquesa, e o membro da
súa xunta directiva Joan Ridaura conversan con Praza Pública sobre o
labor educativo das escolas a as semellanzas e diferenzas da súa
realidade lingüística a respecto da galega.
Parte das reformas lingüísticas desenvolvidas polo actual
Goberno galego asentáronse nunha dicotomía entre inmersión e
plurilingüismo na escola. Ten sentido, dende o punto de vista educativo e
pedagóxico?
Francesc Franquesa: Utilizando verbas que non son nosas, que son de Joan-Loís Blenet, presidente de Calandreta
[Confederación Occitana de Escolas Laicas]: "ninguén pode aprender nada
mollándose ata a cintura". É moi difícil aprender unha lingua e ser
quen de utilizala sen estar no sistema de inmersión, onde debas
utilizala para poder vivir dentro da escola. Nós somos partidarios do
sistema de inmersión.oan Ridaura: O falso debate da dicotomía inmersión
versus plurilingüismo é unha aberración, porque a aprendizaxe dunha
lingua, máis aínda cando é a propia, non é un impedimento para aprender
outras. É un falso debate.
Esta dicotomía pode ser unha vía para, socialmente, tender a tratar a lingua propia como un idioma estranxeiro?
Eva Bertrana: Cómpre termos en conta o tempo de
exposición dos nenos e nenas á lingua. Se non é en inmersión, ese tempo
fica moi limitado cando fóra da escola, no noso territorio todo se
desenvolve en francés. Máis horas terán os nenos nun ambiente inmersivo
en catalán, aínda que sexa de oito da mañá a seis da tarde, na aula, no
comedor, no patio... Isto representa un terzo do tempo de exposición da
persoa. No noso caso, a maioría das familias son francófonas, despois a
televisión, as tendas... todo está en francés.
É dicir, que o francés non está en perigo... igual que aquí non o está o castelán
Eva: É, por así dicilo, a lingua do imperio e hai que compensalo cunha exposición á lingua propia, á do territorio.
Quen coñece máis dun idioma ten máis posibilidades de acceder a outras linguas?
Joan: No caso que estamos falando, de escolas inmersivas cun entorno con outra lingua dominante, hai estudos de Jean Petit
e doutros moitos que mesmo din que un neno bilingüe ten moitas máis
facilidades para aprender outras linguas, ademais de desenvolver partes
do cerebro que non desenvolven os nenos e nenas monolingües. Mesmo hai
teorías que apuntan que os críos que teñen este bilingüismo natural son
moito máis respectuosos coa diversidade que os monolingües. Quen sabe
que isto, dependendo do entorno, é unha taula, unha table ou unha mesa, dalgún xeito saben que a verdade absoluta non existe.
En Galicia creouse o programa das Galescolas dende a Xunta, que
o actual goberno eliminou. Agora desenvólvense experiencias
comunitarias a pequena escala, como a Semente en Compostela, como as valoran como vía, en ausencia de recursos oficiais?
Francesc: Vista a realidade do territorio, parécenos
imprescindible que existan estas vías. É moi positivo que sexan
iniciativas populares, asociativas, cooperativas. No noso caso son
escolas asociativas e aí está o outro debate típico, do público e do
privado. Parece que só hai dous modelos e custa moito facer chegar este
terceiro modelo, que non é nin público nin privado, que é popular e
asociativo. Hai un traballo constante no que nós, despois de trinta
anos, seguimos...
Eva: ... xustificándonos. Cando interesa, as
institucións públicas dinnos que somos privados. Custa moito facer
entender esa terceira vía, de escola popular.
A relación coas administracións públicas é difícil, polo tanto? Ou préstanlles apoio?
Eva: Temos experiencia de trinta e sete anos. Durante
os primeiros cinco anos víannos como catro chalados que queríamos facer
unha escola. Tivemos decontado a posibilidade de termos locais
municipais, ao cabo de dous anos. Pero o obxectivo insitucional era que,
como estábamos chalados, dábannos un local e dicían "que empecen, van
marchar e van caer e nós non teremos ningunha culpa". Despois, ao cabo
de cinco, seis, dez anos... Cando vían que a cousa non caía e pedíamos
axuda, xa fose en forma de financiamento ou doutro xeito, tivemos unha
etapa de moita dificultade. Cando a cousa comezou a se facer grande
comezamos a molestar. E está a terceira etapa, na que se decatan de
representamos a 800 alumnos, o duplo de pais co duplo de votos, avós,
tíos... e que é unha realidade que cómpre ter en conta, agrade ou non.
Algúns cren máis e outros menos, pero agora hai unha boa aceptación do
proxecto. Traballouse moito co noso método pedagóxico, ven que é un
método que funciona e temos unha moi boa reputación
Joan: Ao formarmos parte do territorio e da realidade
norcatalá hai efectos secundarios moi positivos. Coa existencia da
Bressola como asociación e con vontade de crecemento fixo que municipios
que non tiñan ningunha liña bilingüe no seu municipio, ao pensar
Bressola en implantarse, [o Ministerio de] Educación Nacional abre unha
liña bilingüe. O efecto da Bressola non é só sobre os alumnos que nós
acollemos, senón que acaba provocando un movemento de fichas nas
institucións.
En Galicia un dos debates máis intensos foi o provocado pola
intención gobernamental de que as familias decisisen se querían galego
ou non nas aulas. Como o ven, dende unha experiencia como a súa?
Eva: En Catalunya Nord fixéronse enquisas que
demostraron que máis da metade das familias querían que os nenos
aprendesen en catalán, pero non se puxo en práctica.
Joan: Dixeron que se abriría un maior acceso á
escolarización en catalán sempre e cando as familias o solicitasen.
Fíxeron unha enquisa hai uns doce anos para saber as porcentaxes e cando
as viron, remataron as preguntas porque non lles interesaba o
resultado.Francesc: Esas liñas bilingües son complementarias e
positivas. É un traballo distinto, de menor alcance que o que facemos
nós, pero axuda a construír e a dar unha certa normalidade á lingua
dentro do territorio.
Eva: Nós temos unha demanda duns 100 alumnos ao ano
que quedan na porta e as liñas bilingües veñen compensala. Fáltannos
medios e locais e isto é complementario, aínda que a inmersión é
imprescindible en Catalunya Nord, porque nos últimos trinta ou corenta
anos o nivel de lingua baixou ata o punto de que xa non se trata da
recuperación, senón da supervivencia, e iso depende da xeración que nós
podemos formar no uso da lingua. Unicamente no sistema de inmersión se
sae da latinización e se pon ao alcance a posibilidade de utilizar a
lingua con naturalidade.
Joan: Ás liñas bilingües teñen un handicap:
que dependen de cada profesional que está por tras. Pódense atopar
centros onde o alumnado só aprende un par de cancións en catalán e
noutros con docentes con boa vontade e dinamismo que chegan a case un
50% do horario.
Ante todo isto, podemos concluír que o alumnado que sae educado
de escolas inmersivas non ten ningunha carencia, senón todo o
contrario?
Eva: Aínda que a escola sexa de inmersión total, o
neno sae bilingüe total. Non sae falando catalán unicamente. O obxectivo
é que o alumnado saia bilingüe, e a única maneira é que a escola sexa
unicamente en catalán, non hai outro segredo. Manexamos outras
posibilidades, pero non hai outra solución.
Joan: Os nenos en cuxo entorno teñen como lingua o
catalán, saen tamén cun perfecto dominio das dúas linguas. Os medos que
se pretenden inculcar son falsidades absolutas.
Francesc: Hai casos de alumnos coa nai chinesa e pai
inglés, que na escola falan catalán e con cinco ou seis anos falan
francés, porque é imposible non falalo, dado o contexto. Non hai ningún
risco posible de non aprendelo, é unha garantía absoluta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario